martes. 26.10.2021 |
El tiempo
martes. 26.10.2021
El tiempo

A actitude como solución

ADEMAIS de por vocación, Estudei Filoloxía por exclusión, para fuxir das miñas odiadas ciencias e en particular das matemáticas.

O caso é que nada máis entrar pola porta da facultade apareceu a miña adorada profesora Fontela cunha manchea de fotocopias que lle pasaba por riba da cabeza e comezou a repartir... Que se Popper, que se Kuhn, que se Feyerabend, que se os problemas epistemolóxicos que provocaba a consideración da teoría literaria, que se a ciencia empírica da literatura... Tres semanas así.

Non entendín realmente nada daquilo ata moitos anos despois cando, por paradoxos da vida, rematei como executor do método científico aplicado ao deporte. Foi útil coñecer o concepto de paradigma, ser crítico cos meus achádegos, distinguir entre correlación e causa, e considerar a falsabilidade para valorar o meu traballo. O prestixio e o rigor estaban na boa ciencia e non na opinión.

E aquí estamos, vinte anos despois do primeiro episodio e dez despois do segundo, aínda a voltas co concepto de ciencia, cada vez máis cuestionado e cada vez máis importante dende o punto de vista social. Un autor estadounidense, Lee McIntyre, vén de publicar en Cátedra o seu La actitud científica, unha obra na que trata por unha banda de definir a ciencia e, por outra, de defendela fronte á negación, o fraude e as pseudociencias.

A ciencia non é unha ideoloxía nin unha metodoloxía senón unha actitude

E é que ciencia é un concepto cuxa definición espontánea resulta evidente para case que todo o mundo pola vía da intuición... pero que, como demostra o autor, é fuxidío a pouco que un trate de afondar el. É que problema da demarcación e consiste en que cos criterios propostos por Karl Popper ou Thomas Kuhn —os dous grandes historiadores da ciencia do século XX— podemos rematar por excluír do terreo científico a matemática e incluír nel, por exemplo, a astroloxía. Os primeiros capítulos do libro, os máis complexos, son os que nos levan por este labirinto que non ten saída.

A solución a este imbroglio que aporta Lee McIntyre é elegante en grao sumo. A ciencia non é unha ideoloxía nin unha metodoloxía senón unha actitude —coma o rock and roll, máis ou menos—. Un fai ciencia, con independencia do campo de coñecemento ao que se dedique, cando cumpre cos dous grandes mandamentos da actitude científica: preocuparse pola evidencia empírica e estar disposto a modificar as teorías á luz das novas evidencias.

Mais agroma outro problema para o lector do 2021. Se un atopa un negacionista da covid ou un terraplanista, el estará convencido de que respecta estes dous principios e que son todos os demais os que non obedecen as regras. Nos últimos capítulos do seu libro, os máis actuais e entretidos, McIntyre aclara a cuestión e usa para isto aos negacionistas do cambio climático e en particular a Ted Cruz, famoso agora por incitar aos invasores do Capitolio en Washington. Vemos así os seus trazos principais: a manipulación dos datos e a aplicación de estándares desiguais —aceptan con facilidade todo aquilo que confirma o seu pensamento e propoñen probas imposíbeis de cumprir ás hipóteses científicas—.

A intelligentsia deste país non debe renderse, a pesares de resultar pesada en ocasións, á hora de explicar a importancia de que todos entendamos o funcionamento do método científico, o que terá como resultado a defensa da ciencia fronte os fraudes e os fracasos científicos —si, existen—, a expansión do pensamento científico e, ao cabo, unha sociedade máis feliz e próspera.

A actitude como solución
Comentarios