lunes. 23.05.2022 |
El tiempo
lunes. 23.05.2022
El tiempo

Afropeo

DI SINIESTRO TORAL, grupo que se achega á disolución definitiva por certo, nunha das súas cancións que Hay otros mundos pero están en este. Coñezo poucos xeitos mellores de describir a miña vida como home, branco, heterosexual e persoa coa sorte de ter estudado moito.

Por moito que me esforce, endexamais coñecerei a fondo xa non outros mundos, senón moitas das realidades que me rodean na miña propia cidade –na que conviven, como pouco, persoas dunhas cincuenta nacionalidades–. Unha parte destas persoas son africanas ou de orixe africana. Son as que o polígrafo e xornalista británico Johny Pitts define, de xeito moi creativo, no seu último ensaio como Afropean ou afropeos, obvia mestura de africano e europeo. Son unha serie notas sobre a vida moi diferente no que se coñece como Europa Negra e publica Capitán Swing, selo que adoito dá espazo a discursos alternativos coma o do autor.

O libro ten algo de varios xéneros: ensaio sociolóxico, libro de viaxes e literatura testemuñal. Dende o limiar Pitts non engana: el é mulato, con pelo afro e parte a unha viaxe pola negritude europea coa bagaxe que aporta medrar nun dos peores barrios da cidade de Sheffield, nas Terras Medias inglesas, un lugar esnaquizado polas reconversións industriais do goberno de Thatcher e que non conseguiu recuperarse tampouco coas terceiras vías de Blair. 

Visita uns barrios economicamente deprimidos, aos que os cidadáns brancos e con cartos enviaron, con ou sen planificación, os cidadáns doutros países e doutras etnias 

Tristemente, polo que supón, a orixe de Pitts xoga un papel chave no que ocorre en visitas a capitais como París, Bruxelas ou Amsterdam. Alí visita uns barrios economicamente deprimidos, aos que os cidadáns brancos e con cartos enviaron, con ou sen planificación, os cidadáns doutros países e doutras etnias –entre elas a negra–. Na práctica, e o autor non o agocha, son guetos –aínda que esta verba nunca chega a utilizarse, o cal é moi significativo– e un branco tería serios problemas para entrar neles sen se sentir intimidado –véxase o traxicómico final do capítulo de París, coa típica familia de turistas que pensa que está na cidade da Luz e á que o autor non se atreve a dicir que nin sequera deberían saír do hostal–.

Os discursos públicos no sur de Europa decote idealizan o que sucede no norte, en especial nos países escandinavos, presentados como illas de paz e socialdemocracia. Quizais por isto o capítulo que resulta máis interesante para o lector español sexa o dedicado a Estocolmo, no que se poden apreciar formas moi distintas de discriminación –léase máis sutís– e no que se reflexiona tamén sobre a incapacidade de todos os outsiders do Vello Continente para se organizar, mesmo no terreo do discurso, para mellorar de calquera xeito a súa situación.

E que pinta España en todo este asunto? O propio autor escúsase no limiar por non visitar Madrid ou Roma. Si hai un breve paso pola capital e por Sevilla, mais son estacións de paso entre Marsella, Lisboa e Xibraltar. Malia isto, o lector galego e español si poderá verse reflectido para ben e para mal –nas actitudes máis positivas, pero tamén nas máis intolerantes–.

Afropeo
Comentarios