martes. 26.10.2021 |
El tiempo
martes. 26.10.2021
El tiempo

Cafés de facultade

UNHA OCASIÓN estiven, sen sabelo, na xénese dun libro. Estaba a comezar o milenio e viña de inaugurarse a actual Facultade de Humanidades, na que eu estudaba
goldegg-cafe-wien-kaffeehaus-entropy-barbero-rieger

NUNHA ocasión estiven, sen sabelo, na xénese dun libro. Estaba a comezar o milenio e viña de inaugurarse a actual Facultade de Humanidades, na que eu estudaba. Escollera Crítica Literaria como materia optativa, o que me separaba do resto das miñas compañeiras de curso en ocasións, pero malia isto pasabamos moito tempo xuntos nos corredores e a cafetaría. Certo día, non moi avanzado o curso, a profesora Ángeles Rodríguez Fontela apareceu cun home que nos presentou como Antoni Martí, quen ía dar unha conferencia sen ter aínda moi claro de que ía falar.

Cando se puxo a enumerar os temas remataron as dúbidas. "Podería falar sobre café e literatura". Non o dubidamos: como estudantes anteriores a Boloña, pasabamos a vida arredor do excitante bebedizo. A charla foi preciosa: Antoni era culto, ameno e creativo e a quenda de preguntas contou coa intelixencia do poeta e compañeiro Luís Valle. Falamos de Zweig, de Benjamin, do limiar que puxo Bach coa súa Cantata do café...

Resultou que, como conta Antoni Martí Monterde no limiar de ‘Poética del café’, aquela charla foi máis importante para el que para nós, algo que non é frecuente. Foi a semente definitiva do citado libro, que nestes últimos meses, e despois dunha azarosa historia editorial, acadou unha xusta atención crítica e un relativo éxito de público. Rescatouno do esquecemento Hurtado y Ortega Editores e fíxoo con agarimo, incluída unha cuberta que chama e moito a atención.

O que fai Antoni Martí na súa obra é tan sinxelo de explicar coma difícil de acadar: a explicación e racionalización do costume que teñen os intelectuais de pasar as súas horas e discutir os seus traballos en lugares onde se serven bebidas espirituosas ou excitantes.

Dentro destes espazos o café representa o que Zweig chamou "o mundo de onte", un tempo do que agora apenas podemos facer unha idea esborrallada. A petición dun só café en Viena daba dereito a ocupar mesa durante o tempo que se quixese, recibir vasiños de auga, consultar xornais de todo o mundo e enciclopedias de luxo e mesmo recibir a correspondencia no local. Gozaron destes privilexios autores como Karl Kraus ou Hofmannsthal, o que fixo que o asunto quedase mitificado cando o fascismo derrubou todo aquel universo vienés.

Acerto de Antoni Martí é non quedar no que xa estudaron autores coma William Johnston ou Carl Schorske, e abrir o plano aos mundos culturais máis próximos. Josep Pla fixo intelixentes comentarios sobre a cuestión, Ramón dirixiu boa parte da vangarda española dende Pombo e, moito antes, Addison e Steele crearon a revista moderna en Inglaterra e reflexionaron sobre o novo papel dos escritores e intelectuais.

O escritor, tamén o do século XXI, é por natureza un flâneur tal e como o definiu Walter Benjamin. Un paseante, un rambler que anota mentalmente os detalles do que observa para transformar a realidade en obra de arte. Se asumimos isto como certo, o café actúa a un tempo como refuxio e contrapunto do escritor. Nas súas mesas reconstrúe todo aquilo que viu... pero asemade atopa unha nova realidade, que mestura o estático e o dinámico e selecciona o que pasa nesas rúas.

Non cambiou a condición de paseante solitario do escritor, pero si a hostalería. Xa case que non hai cafés e se pouco nos descoidamos tampouco bares. É unha perda cultural. Anos despois de escoitar a Martí, eu mesmo entrei nun café cunha libretiña verde e comecei a escribir unha tese doutoral sobre literatura namentres uns metros atrás Isidro Novo contaba as súas historias. A tradición pasa duns escritores a outros e ten como miliario libros coma este e autores como Antoni Martí, sabios aos que precisamos escoitar.

Cafés de facultade
Comentarios