El tiempo
lunes. 04.07.2022
El tiempo

O camiño das estrelas

'La noche estrellada' de Van Gogh. EP

UN PAR DE veces á semana teño que entrar cedo no traballo e estar un bo anaco ao aire libre nun lugar con moi pouca contaminación lumínica. Sería en teoría a situación ideal para facer as miñas cousiñas como observador astronómico afeccionado… se non fose porque os galegos non somos moi afortunados nisto: aos días cubertos súmase a ubicación no fuso horario equivocado, o que no meu caso resta unha preciosa hora de escuridade. Teño ademais agora unha ferramenta marabillosa, o Stellarium, que permite usar o compás do móbil para orientarse cos corpos celestes en calquera lugar. Apenas quedan un par de semanas para que, en condicións boas, poda ver algo máis ca o planeta Venus e a estrela Sirio, a máis escintilante do ceo setentrional, e non ando moi ledo.

Observar as estrelas con detemento, non coma se fosen un pano de fondo innecesario para a nosa vida, é o primeiro paso para valorar a súa importancia dende o punto de vista cultural. Unha boa guía para facelo é A la luz de las estrellas, obra da xornalista británica especializada en ciencia Jo Marchant. Traduce con acerto pero tamén con algúns erros evitábeis —como crer que o historiador do cristianismo Diarmaid MacCulloch é unha muller— e edita Espasa —sinónimo de coñecemento cultural e enciclopédico en España—.

O ritmo acelerado da nosa vida terreal fai que esquezamos con frecuencia que somos seres celestiais e que o somos dende hai moitos milenios. O obxectivo de Marchant, nun traballo que entra de cheo no comparatismo cultural e na convivencia das coñecidas como "dúas culturas", a humanística e a científica tal e como as describiu no seu famoso libro C.P. Snow, é amosar o xeito no que o cosmos influíu en asuntos como a arte, a fe, ao desenvolvemento da ciencia en xeral e a formación da sociedade do século XXI.

O libro de Jo Marchant preséntase como unha excelente oportunidade para que afeccionados e expertos con curiosidade sigan un dos camiños naturais do ser humano

É un desafío para calquera e a autora consegue superalo con nota. Para isto ten que pasar por lugares tan diversos como a cova prehistórica de Lascaux en Francia, o mosteiro de St. Albans en Inglaterra, as illas polinesias que visitou o capitán Cook ou a cidade alemá de Mannheim en lapas. En todos estes escenarios e noutros moitos Marchant amosa unha magnífica capacidade para a narración fluída e a explicación sinxela de conceptos en ocasións moi complexos. As pinceladas biográficas, con científicos ben escollidos, por exemplo o home que creou e deu nome ao queimador Bunsen, dan cor ao cadro.
Dito isto, hai unha peaxe que debe pagar e é a da selección de teorías que en ocasións están nas marxes da ciencia ou que mesmo custa asumir como certas. Podería ser que uns puntos nos teitos de Lascaux se referisen ao movemento das estrelas, mais que se afirme nun libro serio (ou un artigo) non o fai necesariamente certo; algo semellante ocorre coas hipóteses sobre a habilidade como navegantes dos poboadores de Tahití ou Hawai —tan suxestivas coma difíciles de validar— ou coas especulacións sobre a posibilidade de vida extraterrestre.

Malia estas eivas, o libro de Jo Marchant preséntase como unha excelente oportunidade para que afeccionados e expertos con curiosidade sigan un dos camiños naturais do ser humano, o camiño das estrelas, que todos podemos percorrer nunha igualdade que cada vez con máis frecuencia se esquece, con distintos grados de profundidade, pero sempre coa conciencia de sermos un grao de area nun espazo insondábel.

O camiño das estrelas
Comentarios