Opinión

Como una moto

É PROBÁBEL que Bob Woodward sexa o xornalista máis famoso do mundo e o asunto non vén de hoxe, nin sequera deste milenio. É así dende que as súas pescudas —e as de Carl Bernstein— levaron á dimisión de Richard Nixon como presidente dos Estados Unidos —cando os mandatarios daquel país marchaban sen necesidade de montar un golpe de estado antes— e dende que Robert Redford o interpretou na magnífica Todos os homes do presidente.
Bob Woodward e Leonard Bernstein
photo_camera Bob Woodward e Leonard Bernstein

Cando rematou con este caso e as súas consecuencias, a principios dos anos oitenta, Woodward era o principal xornalista político estadounidense e recibiu un encargo particular e que non debía interesarlle moito: escribir sobre John Belushi. Que pintaba o home que derrubara un presidente a falar dun cómico drogadicto? Nada, sobre o papel. Mais da xuntanza saíu a que, ao cabo, é a mellor obra do lendario xornalista: Como una moto. La vida galopante de John Belushi. Despois dunha azarosa historia editorial, tanto no mundo anglosaxón coma en España, edítaa agora Libros del Kultrum, cunha feitura digna de destacar por certo.

Na superficie o asunto non ten moito percorrido. Belushi, fillo duns inmigrantes albaneses e afastado do éxito académico, entra no circuíto cómico de Chicago e de aí salta ao éxito masivo, primeiro co humor sen límites de Saturday Night Live e despois cun par de películas que en España se traduciron de xeito peculiar (Desmadre a la americana e Granujas a todo ritmo). Este chimpo vese acompañado por unha cantidade inxente de cartos e coa caída no perigoso mundo das drogas, o que conduce ao actor a unha morte prematura por sobredose. Para o lector galego estas biografías noveladas teñen unha conexión indubidábel cunha das nosas grandes obras mestras, A esmorga.

Porén, o verdadeiro valor da obra, o máis fondo, atópase —como adoito ocorre nas grandes biografías— no retrato da sociedade que rodea ao personaxe e o fai posíbel. Con este libro Woodward afondaba no que, posteriormente, se deu en chamar A Cultura das Drogas nos Estados Unidos. En 1980 un compañeiro de Belushi en SNL, Richard Pryor, tivo un ataque psicótico, prendeuse lume e púxose a correr pola luxosa rúa na que se atopaba a súa casa. O principal xornal de Los Angeles lanzou entón unha pescuda na que se rebelou que, por exemplo, o 75 por cento dos xogadores da NBA consumía drogas.

O descenso aos infernos culmina no longuísimo capítulo final, crónica case que hora a hora das dúas semanas de esmorga que remataron no pasamento de Belushi


Woodward na súa obra vai moito máis alá que calquera investigación deste tipo. Polas súas páxinas desfilan moitos dos grandes tótems da televisión e o cine dos Estados Unidos, onte e hoxe, coas súas meirandes feblezas. Por Nova York e Los Angeles desfilan a carón de Belushi Robert de Niro ou Jack Nicholson rodeados de traficantes chaíñas, prostitutas baratas e chicas de revista destinadas a ser xoguetes rotos.

O descenso aos infernos culmina no longuísimo capítulo final, crónica case que hora a hora das dúas semanas de esmorga que remataron no pasamento de Belushi. É un retrato durísimo e acelerado de como se descontrola unha adicción e o cru das descricións de Woodward explica por que a viúva do actor, que lle encargara inicialmente o libro, rematou por renegar del e contribuíu a un esquecemento inxusto. Por desgraza para ela e por sorte para os lectores tanto españois coma doutros idiomas, este libro sobrevive como testemuño dunha época tola —retratada tamén, e de xeito excelente, na serie da HBO sobre os Lakers Tempo de vitoria— que só atopou o seu final cando o sida fixo estragos entre aqueles que levaban anos a vivir no lado salvaxe.

Comentarios