martes. 30.11.2021 |
El tiempo
martes. 30.11.2021
El tiempo

Laurence Debray: dos dous lados

Esta semana regresei ao meu cuarto de adolescente. Alí só quedan un cento de libros e un poster. Enriba da cama, nun soporte cunha fea tela verde escuro, está pendurada a fotografía que Korda lle fixo a Ernesto Che Guevara

ESTA SEMANA regresei ao meu cuarto de adolescente. Alí só quedan un cento de libros e un póster. Enriba da cama, nun soporte cunha fea tela verde escuro, está pendurada a fotografía que Korda lle fixo a Ernesto Che Guevara. Cando a coloquei todos prognosticaron que en vinte anos non estaría alí nin tampouco os ideais que a soportaban: menosprezaron o obstinado que pode chegar a ser un estudante con conciencia política.

Non coñecía eu daquela moito das circunstancias do pasamento do heroe da mocidade. Aclaroumas anos despois a miña moza —agora dona— ao meter nun deses cedés misceláneos que se facían para os longos viaxes por estrada o Soldadito de Bolivia de Nicolás Guillén cantado por Paco Ibáñez. A intensa interpretación do cantautor trasladoume ás selvas do sur do país andino e á guerra total que o ditador Barrientos desatou contra unha banda con dotación de esmolantes. 

Porque iso eran os foquistas. O historiador das guerrillas en todo tempo e lugar Max Boot titula o capítulo que lles dedica na súa mellor obra Foco, O Loco. Non hai outro xeito quizais de definir a aqueles que pensaban que un grupo de individuos fortemente ideoloxizados e con poucas nocións de supervivencia podían erguer en armas un país que nin sequera era o seu. Famosa é xa a historia da asma do Che e os seus atrancos cos medicamentos. Estaban condenados ao fracaso e alí non había o dereito ao xuízo xusto das democracias liberais. 

Un dos acompañantes do Che en Bolivia era o francés Régis Debray, que coñecera ao arxentino e a Fidel Castro en Cuba pouco despois do triunfo dos barbudos. Debray carga para a historia un peso insoportábel: as crónicas convencionais da época acúsano de ter delatado ao Che e fornecido os datos precisos para a súa execución. A lenda urbana chegou á súa filla, Laurence Debray, e é o punto de partida de Hija de revolucionarios (Anagrama).

A fotografía impacta dende a cuberta amarela. Nótase que ten tempo: é en cor pero carece da definición do dixital. No centro da imaxe aparece unha nena á que non se lle botan máis de dez ou once anos. Está a carón dunha porta vermella e diante dunha parede branca, ideal como fondo fotográfico. Leva sandalias de cor branco e un conxunto vaporoso de cor salmón que deixa ver as canelas. A súa faciana é un oval perfecto enmarcado por unha media melena e debuxa un medio sorriso dentro dun aceno serio. Está en posición de firmes. Coa man dereita sostén a culata dun fusil. O brazo esquerdo cruza por diante do peito para agarrar o corpo da arma.

Foi Régis un traidor? Un delator? O culpábel da morte dun dos personaxes máis inspiradores do século XX?

É a autora, Laurence Debray, co instrumento preferido dos revolucionarios do século XX, o fusil. Título e fotografía poderían facer pensar ao lector que estamos ante outro relato das fazañas da esquerda divina, unha orgullosa reivindicación daqueles que deixaron as comodidades da Escola Normal e a beira esquerda do Sena ao seu paso por París para acadar un mundo mellor que tiña que ter como punto de partida esa terra das oportunidades que era América Latina nos anos 60.

Nada máis lonxe da realidade. Nos primeiros capítulos a autora recolle o fío da lenda urbana sobre o seu pai e, cal Teseo, tenta saír dun labirinto; neste caso, o dédalo da Historia con maiúsculas. Foi Régis un traidor? Un delator? O culpábel da morte dun dos personaxes máis inspiradores do século XX? Na procura das respostas a estas cuestións debúxanse as figuras dunha familia dende logo peculiar.

O nome e apelido da autora agochan a súa orixe mestiza. Regis Debray visitara Venezuela para entrevistar un disidente e alí coñeceu a Elizabeth Burgos, membro rebelde da caste de propietarios que dirixe dende tempos inmemoriais aquel país. Iniciaron unha relación interrompida á forza polo encarceramento do intelectual francés en Bolivia. Burgos foi chave na liberación da súa parella ao mobilizar en Francia persoeiros como Sartre, Malraux e o mesmísimo Charles de Gaulle.

O relato de Laurence Debray lembra en todo momento aquela división que fixo Julio Cortázar na inmortal Rayuela. Está o que sucede no lado de aquí, o que ocorre no lado de alá e o que pasa nos dous lados. Moitos galegos —eu entre eles— temos fortes conexións con Venezuela e as palabras que a escritora dedica á terra da nai son a un tempo emotivas e contundentes. En calquera caso, o coñecemento de primeira man da realidade americana impide que caia en maniqueísmos e axúdaa a comprender unha dura realidade: é moi probábel que, tal e como defende o xornalista John Lee Anderson, Régis revelara onde estaba o Che... tras unhas torturas que moldearon a súa personalidade.

A ensaísta francesa comeza por escribir un libro e remata por escribir outro ben distinto. O primeiro é unha crónica dos pais revolucionarios; o segundo.... a historia do solpor do revolucionario convertido en pai burgués. En 1981 o triunfo de François Mitterand levou a moitos dos que levantaran pavés (pavimento) no 68 —entre eles a Régis, aínda que só fose simbolicamente— ao Elíseo e aos gabinetes ministeriais. As lembranzas infantís de Laurence teñen moita máis cor cá pescuda histórica e amosan a peculiar vida dunha nena criada entre libros. Está lonxe de ser ideal.

A partir da foto de portada, o tempo do relato semella acelerarse: de súpeto estamos en Sevilla con Régis implicado na Expo de 1992, pouco despois en París de novo, Cuba e Estados Unidos, Londres e Estados Unidos outra volta... É imposíbel non apreciar a ironía dun pai vagabundo polas selvas andinas tras fuxir da vida mol da burguesía francesa e unha filla corredora de bolsa en Wall Street. Suponse que temos que ver os camiños paralelos da rebeldía adolescente, pero un non pode deixar de reflexionar sobre a involución dese concepto: algo falla cando ser rebelde xa non é procurar ideais superiores como xustiza e liberdade, senón acadar unha boa vida no seo do capitalismo.
Laurence fixo a súa elección ao renegar da herdanza intelectual paterna. E o símbolo deste enfrontamento resulta familiar para o lector español: a súa admiración por Juan Carlos I, representante da institución máis caduca para un comunista, a monarquía. Ocorre que un sente unha estraña sensación ao ler as gabanzas dedicadas ao rei emérito español e nin un só comentario sobre todo aquilo que a sociedade española e a intelectualidade europea coñecen sobre el dende hai un tempo.

A posición ideolóxica da autora semella converxer coa da mesma Elisabeth Burgos, que pasou do comunismo a unha forte oposición a calquera movemento de esquerdas na actualidade.

No fondo, Laurence Debray é unha herdeira novelesca de François Furet, alguén que retrata o pasado dunha ilusión. Hai unha pantasma que atopamos detrás de todo o seu relato: a de Guy Debord e a Internacional Situacionista. Régis Debray é un dos grandes representantes da crítica á Francia da milagre económica, aquela que superara os desastres da guerra coa conformista fórmula ‘metro/boulot/dodo’ —Metro/curro/catre—. A conversión en asesor presidencial que a súa filla retrata non é máis có triunfo da sociedade da asimilación e a desconexión, e o derradeiro capítulo dese proceso foi o suicidio do mesmo Debord cun tiro de escopeta a metade dos 90.

"Canto máis se ama a alguén menos debemos gabalo. O verdadeiro amor é o que nada perdoa". A cita é de Molière no Misántropo e encabeza este libro. É unha mensaxe moi acaída para unha das tendencias da narrativa moderna, aquela que camiña no gume da novela e testemuño histórico. Na liña de Karl Ove Knausgard, poderiamos dicir que está de moda no panorama da narración internacional esnaquizar á familia ou polo menos a unha parte dela. Non lles recomendo probalo, non sexa que o éxito lle custe a un enlearse cos seus.

Laurence Debray: dos dous lados
Comentarios