lunes. 18.10.2021 |
El tiempo
lunes. 18.10.2021
El tiempo

A perfección de editar contos

NON TEÑO nin dúbidas nin vergoña á hora de recoñecer quen é o meu personaxe preferido do mundo editorial español: Juan Casamayor, fundador xunto a Encarnación Molina de Páginas de Espuma, convertida xa en editorial do conto literario por antonomasia. A razón é sinxela: hai uns poucos anos recoñeceu que a súa aposta polos contos completos de Anton Chékhov —catro grosos tomos que suman varios miles de páxinas— era case que suicida e se tivese sido un fracaso posibelmente tería levado á quebra ao selo. Non hai maior mostra de fe no valor dos clásicos

Isaak Bábel
Isaak Bábel

Dende a publicación das obras curtas do polígrafo ruso de finais do século XIX desfilaron por Páginas de Espuma autores como Thomas Wolfe ou Henry James, mais é co regreso a Rusia, e máis en concreto á Unión Soviética, co que o lector volve apreciar o escintilante do traballo de Casamayor e o seu equipo. Estou a falar dos Cuentos completos de Isaak Bábel, editados con agarimo nun precioso volume vermello co engadido fundamental doutras pezas -reportaxes, diarios, proxectos de guión cinematográfico- que axudan a entender mellor a un dos autores chave para comprender a narrativa do século XX.

Bábel, coma outros moitos, é un home marcado pola traxedia da súa fin. O mesmo ca nos casos de Mandelstam ou doutro magnífico escritor de narrativa curta, Boris Pilniak, ata a apertura dos arquivos da Lubianka e os estudos de Vitali Shentalinski non se soubo exactamente cal fora o seu destino, só que desaparecera a finais de 1939. Fora a un campo de concentración? A outro tipo de campo? A terríbel resposta era que a Bábel fusilárano de xeito sumario nos sotos da Lubianka, acusado falsamente de ser un espía no marco da purga que seguiu á caída de Nikolai Iezhov coma favorito de Stalin. Semella que o guindaron a un pozo que facía de foxa común e que despois o exhumaron xunto a outros centros, o converteron en cinza e o levaron a un cemiterio moscovita.

Non hai unha páxina de Bábel que non pague a pena para o lector e tamén para o aspirante a escritor.


Para entón xa era Isaak Bábel un dos escritores máis valorados na Unión Soviética e a pesares desta arrepiante sorte a súa fama non deixou de medrar, algo explicábel pola súa perfección na arte do conto. Son apenas uns poucos centos de páxinas, lectura para un par de tardes. Os Contos de Odessa, a súa cidade natal, retratan sen piedade un lado pouco coñecido do mundo xudeu da Europa Oriental —o das mafias e o lumpen, cun protagonista inesquecíbel, Benia Krik, O Rei— sen renunciar por isto ao intenso lirismo aportado por unhas magníficas descricións impresionistas.

Probabelmente o que lle custou a vida foi a súa outra grande obra, Cabalaría vermella, na que retrata co mesmo estilo, pero máis proximidade ao naturalismo, as barbaridades dos cosacos do mariscal Budionni durante a Guerra Civil que seguiu á Revolución de Outubro. De novo o escenario está na Ucraína, mais non na cosmopolita Odessa, senón nas chairas do oeste, na Galitzia compartida por ucraínos, cosacos, rusos, polacos e xudeus, lanzados uns contra os outros polas forzas brutais da Historia.

Non hai unha páxina de Bábel que non pague a pena para o lector e tamén para o aspirante a escritor. Coma outros moitos autores rusos -penso por exemplo en Andreev ou Gogol-, non estivo ben tratado pola tradición española, que nin o acolleu como influencia nin traduciu a xeito os seus escritos. Tal carencia queda resolta co esforzo de Páginas de Espuma, que engade ao traballo intelectual da tradución un grande coidado físico: a portada, as páxinas, o punto de lectura déixanse aloumiñar e devolven ese agarimo en forma de pracer lector.

A perfección de editar contos
Comentarios