jueves. 28.10.2021 |
El tiempo
jueves. 28.10.2021
El tiempo

Unha catástrofe "española"

Laura Spinney publica 'El jinete pálido', un breve pero completo ensaio sobre a gripe española de 1918

Enfermeras voluntarias de la Cruz Roja que lucharon contra la gripe española. EP
Enfermeras voluntarias de la Cruz Roja que lucharon contra la gripe española. EP

NOS MEUS anacos lectores libres, que os teño, un dos temas que prefiro son as catástrofes. Non as do día a día, as que enchen o lixo televisivo e fan que se xunte a xente nas portas dun cuartel para ver se das árbores do Sur colga un estraño froito, senón as extraordinarias. Como o día que estoupou o Mont Pelée na Martinica e de 30.000 persoas en terra sobreviviu só un preso que estaba no calabozo ou a explosión do Tambora, que deu lugar ao ano sen verán e indirectamente ao Frankenstein de Mary Shelley.

Chegados a este punto da investigación en desastres hai un certo consenso en que o peor da historia da humanidade foi a gripe española de 1918, pero dáse o paradoxo de que ao ser un fenómeno pegado á Grande Guerra e que actuou de prólogo ás convulsións do período 1919-1939 non recibiu unha atención axeitada por parte dos ensaístas. Vén de arranxarse isto grazas a un breve pero completo ensaio de Laura Spinney, El jinete pálido, que publica a editorial Crítica.

O libro de estilo dos xornais di adoito que non se poñan aspas nos títulos pero neste caso debemos facer unha excepción. O 29 de xuño de 1918 o director xeral de Sanidade de España, Martín Salazar, anunciou na Real Academia de Medicina —á que pertencía— que non recibira informes de colegas doutros países que falasen dunha enfermidade similar á que atacaba a nación había meses. Non podía saber que Francia ou o Reino Unido estaban a agochar esas informacións para non danar o seu esforzo de guerra. Os xornais españois non estaban censurados e comezaron a dar conta da terríbel mortaldade desatada namentres outros calaban. E así a enfermidade pasou á historia como gripe española.

De que enfermidade se trataba? Laura Spinney fai un enorme esforzo investigador para pescudar no que a facía diferente e na súa orixe.

De que enfermidade se trataba? Laura Spinney fai un enorme esforzo investigador para pescudar no que a facía diferente e na súa orixe. En canto á primeira cuestión, coa axuda da bioquímica de arestora, proporciona unha resposta contundente: aquel virus ataca as defensas de tal xeito que reaccionaban con excesiva forza e ao producir citoquinas de máis, colapsaban os pulmóns do enfermo de xeito fatal. En canto á segunda, narra o imposíbel traballo duns científicos que non contaban cos instrumentos axeitados —microscopios electrónicos neste caso—para observar un virus, distinguilo dunha bacteria e tratar de combatelo. 

A outra grande pregunta que presenta o libro é: Se non saíu de España como se creu por entón... de onde veu o mal? Esta, lamentabelmente, non admite unha resposta concluínte. O fío narrativo que tece a autora fai que o lector vexa como probábel certa marisma no estado de Kansas, onde apareceu o "caso cero" despois de que o virus mutase no tracto intestinal dunha pita ou un pato, pero non descarta tampouco que xurdise en Francia ou mesmo no remoto estado de Shanxi, no norte de China, onde era moi difícil de distinguir das endémicas epidemias de peste pneumónica.

E como en todo libro sobre desgrazas arrepiantes, temos a sempre complicada tarefa de contar. Cantos mortos ocasionou O Xinete Pálido —nome literario, por certo, xa que procede duns versos de Katherine Ann Porter—? Segundo Laura Spinney, unha cantidade que foi subestimada durante décadas e que podería chegar aos 100 millóns de persoas, aínda que a estimación máis razoábel sexan 60 millóns. Porén, a construción cultural sobre o tema é case que inexistente: na literatura aínda vemos as pegadas da peste do século XIV, pero non dunha gripe que ocorreu hai un século. E de novo Spinney dá respostas: no medio de todas aquelas traxedias provocadas pola tolemia do home... quen se ía preocupar dun catarro forte?

EL JINETE PÁLIDO
Laura Spinney
Editorial: Crítica
Páxinas: 352
Prezo: 22,90€

Unha catástrofe "española"
Comentarios