Quinto andar, catedrais
Logo do acto do arzobispo, facilmente comparable co efectuado por Gandalf na primeira película do Señor dos aneis, e a súa petición de apertura, un coro interior respondeu celestial e infantil. Sobre a fachada de Notre Dame proxectáronse os efectos visuais máis representativos desta deriva estética á que chamamos presente. No que puido ser o momento de elevación simbólica dun criterio refinado, foi máis poderoso o efecto centro comercial.
As cámaras captaron o interior da nave central días antes á apertura e as opinións correron a moreas criticando o aspecto renovado do edificio. Faltaba o encanto, é dicir, o paso do tempo e o tétrico que se agarda nunha catedral de oito séculos. A cotra ten sentido de ser nalgún caso.
Considero que a construción dos templos actuais, os destinados ao consumo e os hoteis, inflúe en como percibimos estas estructuras do pasado coas calidades de hoxe. O resultado nótase artificial, alleo ao que debería representar. Din certos pensadores contemporáneos que é preciso renovar os mitos e efectuar un novo pacto de crenzas. Iso inclúe os lugares de fe, os puntos de reunión e ascensión colectiva. Pero, pode un signo de tanto calado lucir sen antigüidade?
No exitoso filme de 2024 The Substance (La sustancia), a xuventude dunha persoa pode ser traída de volta noutro corpo e coa esencia grazas a unha sustancia farmacolóxica, pero a forma avellentada e orixinal debe quedar relegada a outro plano. Penso se Notre Dame terá tomado dita sustancia ou se simplemente abrirán cadeas de restauración na parte superior e varios puntos de souvenirs na entrada, a carón dos confesionarios. Quizais a consecuencia tardía de terlle dado esta sustancia restauradora é que outra catedral comezará un ascenso de fama, ata convertirse noutra icona pero de idade verdadeira.
Entre os numerosos discursos relixiosos e civís, como o dun Macron que capea outra nova crise interna a base de patriotismo simbólico, houbo tempo para a música. O arzobispo de París comezou solicitando ao órgano de Notre Dame que espertase logo de tantos anos reposando. Un momento estelar, sen dúbida. O ruxir dos tubos nunha improvisación maxistral e caótica que representa a ausente voz de Deus. O silencio humano, o eco catedralicio. A absoluta humildade ante o inmediatamente superior.
Deixaron oco para pezas corais, orquestras clásicas, máis órgano, o himno francés e o cantante Garou, quen gañara fama en Francia polo papel do chepudo Quasimodo, interpretando un tema do musical da personaxe. Aínda que tamén para a maior burla musical que lle ten acontecido á Igrexa católica, pero que tanto lle ten a fin de contas. O tema ‘Hallelujah’ de Leonard Cohen tivo acto de presencia, pese a que trata dun tema sobre sexo e luxuria vestido con metáforas relixiosas e míticas.
Unha renovación necesaria
A reapertura de Notre Dame é útil para seguir a liña dun trasfondo cultural que se vén sinalando hai tempo. No mesmo momento no que a catedral de París renace, tamén afloran por todo o mundo os concursos de parecidos de estrelas de cinema. Estes certames foron moi populares nas décadas centrais do século pasado. Máis alá da broma tras iso, a renovación necesaria dun templo e a clonación de famosos significan algo parecido e sintomático da nosa era. A dificultade para construir novas insignias.
As intervencións do presente no monumentos e ruinas son recibidos con altas doses críticas e de recelo, como se a nosa pegada importase menos que as anteriores sucedidas. Aspiramos, como moito, a aportar ornamentos aos palacios da Historia.
Miquel Barceló deseñará tapices para Notre Dame, Ionna Vautrin fixo a súa parte coas cadeiras emulando a escuma do mar, Sylvain Dubuisson tamén transformou a estrutura do relicario da Santa Coroa de Espiñas e Guillaume Bardet escolleu bronce para crear o novo mobiliario litúrxico. O noso tempo queda nos adornos. Para cando as grandes catedrais de hoxe que arderán dentro de 800 anos?
Seguirá sentando o presidente dos Estados Unidos, agora Donald Trump, a carón do presidente da República Francesa, agora Emmanuel Macron, en lugar de Deus ata que iniciemos os nosos templos e ritos libres da esencia de Burger King. Mentres tanto, no quinto andar do presente poderán mercar catedrais libremente, na sexta venderán xuventude por vía da sustancia e na última atoparán as réplicas das nosas estrelas.