Quinto andar, catedrais

Catedral de Notre Dame. AEP
Catedral de Notre Dame. AEP
Na reapertura da catedral de Notre Dame, logo do fatídico incendio de 2019, faltou un convidado destacado. Non é un deses nomes que recollen todos os diarios. Tampouco o Papa Francisco. Podería ser, segundo opinións, o bo gusto. A ausencia foi a de Deus.
Despois de tres golpes do báculo do arzobispo de París, Laurent Ulrich, sobre as portas da catedral de Notre Dame, estas abríronse. Deuse inicio a unha era de renacemento para unha das insignias da capital francesa, da arte gótica e da forza católica. Raras veces na vida dunha persoa pódese dicir iso de que se inaugura unha catedral, ou non unha como esa. Por iso, 1.500 persoas de relevancia global acudiron á chamada de Macron. Pero non Deus. A súa timidez prospera século tras século. Nin un evento tan estrafalario foi suficiente para atraelo.

Logo do acto do arzobispo, facilmente comparable co efectuado por Gandalf na primeira película do Señor dos aneis, e a súa petición de apertura, un coro interior respondeu celestial e infantil. Sobre a fachada de Notre Dame proxectáronse os efectos visuais máis representativos desta deriva estética á que chamamos presente. No que puido ser o momento de elevación simbólica dun criterio refinado, foi máis poderoso o efecto centro comercial.

As cámaras captaron o interior da nave central días antes á apertura e as opinións correron a moreas criticando o aspecto renovado do edificio. Faltaba o encanto, é dicir, o paso do tempo e o tétrico que se agarda nunha catedral de oito séculos. A cotra ten sentido de ser nalgún caso.

Considero que a construción dos templos actuais, os destinados ao consumo e os hoteis, inflúe en como percibimos estas estructuras do pasado coas calidades de hoxe. O resultado nótase artificial, alleo ao que debería representar. Din certos pensadores contemporáneos que é preciso renovar os mitos e efectuar un novo pacto de crenzas. Iso inclúe os lugares de fe, os puntos de reunión e ascensión colectiva. Pero, pode un signo de tanto calado lucir sen antigüidade? 

No exitoso filme de 2024 The Substance (La sustancia), a xuventude dunha persoa pode ser traída de volta noutro corpo e coa esencia grazas a unha sustancia farmacolóxica, pero a forma avellentada e orixinal debe quedar relegada a outro plano. Penso se Notre Dame terá tomado dita sustancia ou se simplemente abrirán cadeas de restauración na parte superior e varios puntos de souvenirs na entrada, a carón dos confesionarios. Quizais a consecuencia tardía de terlle dado esta sustancia restauradora é que outra catedral comezará un ascenso de fama, ata convertirse noutra icona pero de idade verdadeira.

Entre os numerosos discursos relixiosos e civís, como o dun Macron que capea outra nova crise interna a base de patriotismo simbólico, houbo tempo para a música. O arzobispo de París comezou solicitando ao órgano de Notre Dame que espertase logo de tantos anos reposando. Un momento estelar, sen dúbida. O ruxir dos tubos nunha improvisación maxistral e caótica que representa a ausente voz de Deus. O silencio humano, o eco catedralicio. A absoluta humildade ante o inmediatamente superior.

Deixaron oco para pezas corais, orquestras clásicas, máis órgano, o himno francés e o cantante Garou, quen gañara fama en Francia polo papel do chepudo Quasimodo, interpretando un tema do musical da personaxe. Aínda que tamén para a maior burla musical que lle ten acontecido á Igrexa católica, pero que tanto lle ten a fin de contas. O tema ‘Hallelujah’ de Leonard Cohen tivo acto de presencia, pese a que trata dun tema sobre sexo e luxuria vestido con metáforas relixiosas e míticas.

Unha renovación necesaria

A reapertura de Notre Dame é útil para seguir a liña dun trasfondo cultural que se vén sinalando hai tempo. No mesmo momento no que a catedral de París renace, tamén afloran por todo o mundo os concursos de parecidos de estrelas de cinema. Estes certames foron moi populares nas décadas centrais do século pasado. Máis alá da broma tras iso, a renovación necesaria dun templo e a clonación de famosos significan algo parecido e sintomático da nosa era. A dificultade para construir novas insignias.

As intervencións do presente no monumentos e ruinas son recibidos con altas doses críticas e de recelo, como se a nosa pegada importase menos que as anteriores sucedidas. Aspiramos, como moito, a aportar ornamentos aos palacios da Historia.

Miquel Barceló deseñará tapices para Notre Dame, Ionna Vautrin fixo a súa parte coas cadeiras emulando a escuma do mar, Sylvain Dubuisson tamén transformou a estrutura do relicario da Santa Coroa de Espiñas e Guillaume Bardet escolleu bronce para crear o novo mobiliario litúrxico. O noso tempo queda nos adornos. Para cando as grandes catedrais de hoxe que arderán dentro de 800 anos?

Seguirá sentando o presidente dos Estados Unidos, agora Donald Trump, a carón do presidente da República Francesa, agora Emmanuel Macron, en lugar de Deus ata que iniciemos os nosos templos e ritos libres da esencia de Burger King. Mentres tanto, no quinto andar do presente poderán mercar catedrais libremente, na sexta venderán xuventude por vía da sustancia e na última atoparán as réplicas das nosas estrelas.

Comentarios