viernes. 20.05.2022 |
El tiempo
viernes. 20.05.2022
El tiempo

O verán do soul

A cento sesenta quilómetros de New York tivo lugar en 1969 o festival de Woodstock: Hendrix, The Who, Janis Joplin ou Jefferson Airplane fixeron historia, secundados ademais pola enorme difusión que o evento tivo a posteriori, fixándose no imaxinario colectivo de toda unha xeración
The Harlem Cultural Festival. CBS PHOTO ARCHIVE
O Festival Cultural de Harlem. CBS PHOTO ARCHIVE

PERO NIN A historia nis os medios da época atenderon ao que acontecía polas mesmas datas no barrio do Harlem e que hai uns meses viu a luz, cincuenta anos despois: o Festival Cultural de Harlem. O documental Summer of Soul (…or when the revolution can not be televised…) é resultado do achado nun soto dunha inxente cantidade de cintas gravadas no seu día polo produtor Hal Tochin. Estas contiñan o material gravado dos cinco concertos celebrados no parque Mount Morris (Harlem, New York) noutros tantos domingos entre o 29 de xuño e o 17 de agosto de 1969.

A discriminación racial e a violencia estrema nos Estados Unidos durante os anos sesenta supuxeron unha grande ameaza para o movemento pola liberdade e os dereitos civís e derivaron nun clima de grave confrontación social. Cómpre lembrar que tiveron lugar sucesivamente –entre outros– os asasinatos do presidente Kennedy (1963), Malcolm X (1965), Marthin Luther King (abril de 1968) ou Robert Kennedy (xuño de 1968), no medio de graves disturbios en distintos puntos do país, especialmente nos estados do sur.

A organización do festival atribúese a Tony Lawrence (1936), activista social, actor e cantante de clubs e contou co apoio do alcalde neoiorquino daquel entón, o republicano e liberal John Lindsay, preocupado pola deriva violenta que estaba a sufrir por aquel entón a cidade.

O filme conta co testemuño de varios activistas, intelectuais e artistas afroamericanas que colaboraron na súa organización por aquel entón, que describen o acontecido como un fito na propia historia do país: medio millón de asistentes en total a cada un dos cinco concertos que se celebraron sen maiores incidentes nun clima xangal. As imaxes, de gran calidade e son, revelan o carácter interxeracional do evento. Resulta case imposíbel elixir unha parte que destaque sobre todas as outras dentro dun documental tan espectacular: Stevie Wonder, con só dezanove anos, interpreta un solo de batería absolutamente inesquecíbel; David Ruffin cativa a multitude cunha lección de carisma interpretando My girl; The Chamber Brothers incendian o parque con Uptown to Harlem; Mahalia Jackson e Mavis Staples –de The Staple Singers– desatan a emoción colectiva ata as bágoas con Precious Lord... Antes de facelo, o activista Jesse Jackson presentáraas contando as últimas palabras de Marthin Luther King: xusto antes de ser asasinado na súa presenza, este estáballes pedindo aos músicos que ían con el e con Jackson que interpretasen aquela tarde no mitin Precious Lord... Foron as súas últimas palabras antes de que lle disparasen.

Pero o documental non queda aí. Sobre o escenario do festival, –orientado ao oeste para combater a falta de presuposto para iluminación– desfilarán tamén Sly & The Family Stone, que son recibidos entre a estupefacción indiferente do comezo e a entrega incendiaria do final. É probábel que o público se estrañase de que o batería fose branco e a trompetista ou a teclista fosen mulleres. Destaca Sing a Simple Song, unha oda á fraternidade, a tolerancia e o entendemento e resulta espectacular o seu peche con Are you Ready?. B.B. King desata a febre co seu blues en plenitude de facultades e non falta a complicidade coa poboación portorriqueña e latina do Harlem: Mongo Santamaría e Ray Barretto abruman co seu directo e o sudafricano Hugh Masekela –símbolo do movemento contra o apartheid e acabado de chegar a Estados Unidos– deixa para a historia unha versión sustantiva do Grazing in the Grass. Tamén aparecen The 5th Dimension, quen interpretan Aquarius/Let the sunshine In, Max Roach e Abbey Lincoln, Herbie Mann e queda para o final un dos pratos fortes do filme, a aparición estelar de Nina Simone, coma unha raíña africana: sobresaínte, histórica.

Dicía Frank Zappa que escribir de música é como bailar de arquitectura. Por iso o mellor é rematar este artigo e recomendar Summer of Soul. Un episodio central da música do século vinte difícil de esquecer.

O verán do soul
Comentarios