sábado. 23.10.2021 |
El tiempo
sábado. 23.10.2021
El tiempo

A inocencia perdida

Entre 1956 e 1976 o fotógrafo Catalá Roca achegouse ata en sete ocasións a Galicia para convertela no motivo da súa fotografía. Unha imaxe que se humanizou e modernizou para rachar o 'tipismo' turístico e converter así a espazos e xente nun mostrario da nosa identidade

As Marías de Santiago. CATALÁ ROCA
As Marías de Santiago. CATALÁ ROCA

APÉGASE UNHA mesta néboa ás torres da catedral. A babuxa dalle lustre ás pedras eternas dunha cidade que semella moverse ao ritmo das badaladas. Camiñando pola contorna do sepulcro do apóstolo un ten hoxe a sensación de que o tempo neste espazo pouco se ten movido dende os anos nos que o fotógrafo Francesc Catalá Roca pisou Compostela. Moitos máis turistas, si; un vestiario diferente, tamén, e uns ritmos moito máis axitados no ir e vir as persoas, pero o esencial, o que se entende como a alma dunha cidade, permanece fiel ao longo das décadas.

A exposición que se amosa no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela —baixo o comisariado de Anxo Rabuñal e a colaboración de Agar Ledo—, reflicte esa alma nunhas décadas moi concretas da nosa historia. Espállanse dende o Obradoiro ata unha chea de vilas de Galicia que emerxen aquí cunhas visións que van rachar o que era a fotografía turística tradicional que, intelixentemente, se amosa á entrada da mostra como complemento das fotografías de Catalá Roca. Reflicten unha fotografía estática, de rúas, prazas e vistas panorámicas nas que atopamos lugares, pero non vida. O cambio co fotógrafo catalán e a súa presenza en Galicia é o notariar ese rexistro de vida, de xentes que habitan as cidades e que forman parte delas. As súas tarefas cotiás, tanto de traballo como de ocio, forman parte do tecido da cidade e pousar a mirada nelas permite entender moito mellor como fomos dun xeito fiel á realidade. A sinceridade das imaxes emociona ao colocarnos fronte aos rostros sorprendidos de quen se sente protagonista dunha fotografía dende o seu universo anónimo, tamén por enfrontarnos aos traballos dunha xente que nunca tivo a sensación de que o que estaban a facer tiña un senso artístico ou de trascendencia. Pero ese é o milagre que acada a fotografía, o de converter en eterno un instante que semella intrascendente.

No ano 1965 Compostela viviu un ano santo diferente. Esa década de apertura económica e social na España do franquismo comenzou a albiscar as posibilidades turísticas da cidade e o berce apostólico, chegando nese ano 387 peregrinacións organizadas que se aloxaron no Burgo das Nacións. A súa presenza arquitectónica na exposición amosa o proceso de transformación de Galicia iniciado nesa década, e que se prolongaría no tempo e nas imaxes que van a ir alternando o ámbito rural co noso tecido urbano. A Coruña, Vigo ou Lugo mestúranse con Portonovo, Betanzos, Marín ou Cangas, compoñendo dous ámbitos de traballo e dous tempos que nas propias fotografías de Catalá Roca latexan con ritmos distintos.

Fotos cheas de inocencia, tamén de humanidade, facianas frescas e afoutadas de seu

A montaxe, con todas as fotografías dun mesmo formato, concédenlle á exposición unha harmonía que encaixa perfectamente co seu contido, con ese universo calmo e orgulloso inxerido en cada unha delas que reflicte o día a día dunha sociedade que un observa con moito pracer. O de contemplar a fermosura do noso territorio, o de sentir moitos destes espazos como parte da nosa vida, recunchos polos que transitamos a cotío e que aquí podemos observar na súa orixe. Pero isto deriva tamén na percepción da muda do territorio, de como o progreso esnaquizou espazos que, contemplados hoxe, emocionan pola súa fermosura, pero entristecen por esa sensación da perda e ferida por non saber conservar o noso patrimonio natural e urbanístico.

Fotos cheas de inocencia, tamén de humanidade, facianas frescas e afoutadas de seu, que ao mellor non era moito, pero que se tiña como un tesouro. É por iso que cada unha destas fotos é tamén un pequeno tesouro, ou polo menos o acceso a el, á inocencia perdida, pero que quedou retratada dende a dignidade de quen a soubo ver como retrato colectivo, como a crónica fotográfica dun tempo e dunhas xentes das que aínda hoxe somos debedores.

A inocencia perdida
Comentarios