Os anos gringos de Lara Dopazo
ORON dous anos nos que mudou por completo a paisaxe que arrodeaba a Lara Dopazo. Dous anos nos que o frío de Iowa City, a neve, e o seu contexto físico e humano do medio Oeste norteamericano compuxeron unha nova realidade ante a escritora. Con toda esa caixa de resonancia diante a gañadora en 2020 do Premio Illa Nova de Narrativa pola súa obra O axolote e outros contos de bestas e auga podía facer desa nova percepción da realidade un espazo de inspiración para a súa creación, para converter en historias todo aquilo que acontecía ante os seus ollos, nunha permanente confrontación co que dende outro lado do Atlántico todos temos presentes do que supón a idiosincrasia ianqui.
Estes doce Contos gringos, editados por Galaxia, recollen, polo tanto, esa interacción de Lara Dopazo coa nova realidade que se abría ante ela. Toda unha chea de experiencias que se fan literatura dun xeito brillante, sendo capaz de atopar un suxerente estilo que converte todo ese ámbito do real nun tenso espazo humano, no que o difuso, mesmo o inquedante que agroma nese novo contexto, tensionan unha lectura do estrañamento que permanentemente fai mudar a propia mirada do lector que asiste nun conto e noutro tamén, a toda unha serie de situacións turbadoras, por cómo a autor retorce o que semella algo cotiá ou anecdótico nunha situación anómala.
Cuestións de veciñanza, a visita a un centro médico ou a estancia noutras vilas, entre outras moitas situacións, tecen esa arañeira coa que pouco a pouco Lara Dopazo te envolve nese contexto norteamericano no que pola propia realidade dese estado, o 29 dos Estados Unidos, e a forte presenza da natureza, tanto no físico, como na súa flora e fauna, ou no meteorolóxico, todos eses elementos permitirán desenvolver nas súas historias unha serie de cuestións que ameazan a nosa perspectiva do real, integrándoos no relato como factores que toldan a nosa ollada e que pola propia condición da natureza, como inexplicable ou sorprendente nun primeiro chanzo, contáxianse ao interior do conto, activando esa sensación de desacougo que lles senta tan ben.
De novo a literatura, traballando nas orelas da realidade, permite ofrecer un retrato moi atinado do carácter ou a personalidade desa latitude física, dese contexto no que, pola relevancia do país no resto do mundo, poñemos moita da nosa atención, sendo soamentes capaces de descifrar unha pequena parte e que normalmente xa vén demasiado domesticada por toda a imaxinería que o propio país se encarga de transmitir ao seu exterior. Ese ollar devagar de Lara Dopazo ao seus veciños, de escrutar os comportamentos no seu sistema de saúde ou mesmo no interior dunha cafetería, ou nunha estancia en Brooklyn, son os tubos de ensaio precisos para a experimentación, para analizar o real co filtro da ficción, para discutir unha e outra ata o punto de confundilas, sen saber de todo ben a cal delas corresponde cada unha das partes dos seus escritos.
Alí xúntanse a mesta néboa e a misteriosa aparición de lenteoulas fucsias, unha xornada de caza e unha humana conversión nívea, un campo de millo e unha reflexión sobre a morte, na configuración dunha sucesión de situacións nos que o ser humano non deixa de ser unha vítima, unha especie sometida a unha contorna na que desenvolver as súas interaccións cos seus semellantes. Todo un ecosistema no que Lara Dopazo adentrouse durante dous anos cuns ollos novos, cunha pel non afeita a un contexto no que moitas veces había que frotar os ollos ou beliscar a propia pel para saber se todo aquilo estaba acontecendo realmente ou era froito da súa imaxinación literaria.
Aos lectores tanto nos ten o peso dunha ou doutra cuestión, o certo é que o que chega a nós son doce brillantes relatos que nos interrogan tamén a nós mesmos sobre cales serían as nosas reaccións ante toda esa paisaxe aberta nestas páxinas. Preguntas que xorden, como acontece sempre, dunha escrita marabillosa, coidada na súa linguaxe pero, sobre todo, posuídora da capacidade para que o lector se sinta nunha cotorna ben diferente á súa, e iso é, nin máis nin menos que a literatura.