Da cela á paisaxe
ABOFÉ QUE nos últimos anos estamos a vivir un periodo sen igual na poesía feita en Galicia. O incremento no número de poetas, recitais e publicacións, así como o respaldo dos premios, nomeadamente o Premio Nacional de Poesía, coa concesión do que é o maior galardón da poesía no estado español a nomes como os de Pilar Pallarés, Olga Novo, Yolanda Castaño ou Chus Pato ten, tamén, na afouteza de diferentes selos e coleccións das nosas editoras un sustrato máis dese bulir da poesía que, en canto ao territorio feminino e a súa creatividade, aínda se amosa como máis superlativo.
Un deses selos é o da Editora Apiario, da cal celebramos neste mes de novembro o seu décimo aniversario, dende que dúas poetas, Dores Tembrás e Antía Otero pensaron crear unha colmea en cuxas celas diferentes poetas puidesen amosar a súa obra, traballando, dende entón, xa non só na publicación, senón na realización de cursos e talleres que forneceron o traballo de nomes que agora amosan a súa madureza. Se a palabra apiario o noso diccionario a define como un «conxunto agrupado de colmeas», o que fixeron estas dúas mulleres ao longo destes anos foi xerar ao seu arredor toda unha colectividade creativa, seguramente impensable cando todo isto arrincou nun nubrado día de novembro de 2014, e da que agora elas mesmas falan como «unha rede de labores e de afectos sen os que nada tería sentido».
Estas palabras forman parte da súa derradeira publicación, un volume conmemorativo da efeméride que, baixo o título de O libro das abellas, reúne a vinte e un autores e autoras que «amosan o arco da cela á paisaxe». Cada un deses autores confeccionou un poema arredor do mundo dese insecto que tan ben simboliza o que se fai en Apiario dende hai dez anos. O libro das abellas é un resumo de moitos aspectos desa ambrosía poética sen a que a poesía galega sería hoxe menos doce do que é. En primeiro lugar polo tratamento físico do produto. Cada libro que sae do prelo de Apiario é unha xoia, unha alfaia literaria que primeiro destaca polo coidado con que se entende todo o proceso editorial e que converxe nuns libros fermosísimos cun sempre mimo e sorprendente deseño e unha altísima calidade nos materiais empregados. As portadas, deseñadas por Mauro Trastoy, conseguen, como acontece unha vez que tocas cos dedos o mel, que sexa moi complicado despegarte dese libro, e aquí ocorre o mesmo con esas abellas douradas que semellan axitarse de emoción ao longo da capa.
Estes vinte e un poetas, que foron os que forneceron a colmea de Apiario ao longo destes anos, son os que María Xesús Nogueira, nun excelente e exuberante texto co que se pecha o libro, define como Hexágonos de escritura. Nese texto a autora mergúllase na nosa historia da poesía na procura desas «vinchas de mel», como diría Luis Amado Carballo, ao longo da nosa poesía, para, posteriormente, centrarse no proxecto de Apiario representado simbólicamente coa xeometría do hexágono propio das colmeas, subliñando o deseño único de cada un dos libros, a pausada publicación de só tres libros por ano, así como as súas liñas editoriais: Cera labrada, Pan de abella e a colección Filomena Dato, na que teñen cabida as obras gañadoras do premio homónimo que convoca o Concello de Bergondo.
Estirpes poéticas
Agora, con O libro das abellas pegado ás nosas mans, temos ante nós unha perfecta paisaxe do estado actual da nosa poesía que xorde dese arco da cela que Dores Tembrás e Antía Otero artellaron e que contén unha das máis farturentas estirpes poéticas da nosa historia. Nomes de diferentes xeracións metaforizan aquí, do mellor dos xeitos, ese permanente estado asociativo das abellas, ao tempo que se harmoniza o vizoso relatorio de nomes que fai da poesía, probablemente xunto ao cinema, as dúas disciplinas artísticas e culturais máis poderosas da nosa creación actual.
Sabemos ben do difícil que é xa non só poñer en marcha un proxecto, senón mantelo no tempo, outorgarlle a confianza precisa para que esa chuvia miúda pouse ben na terra e se converta en futuro. Esa chuvia aquí é un pole de emocionantes consecuencias, de poemas que medran con cada achega proposta para completar os hexágonos dunha colmea chamada Apiario. Por dez anos máis!
