Opinión

De la Sota na súa casa

Homenaxeada no Día das Artes Galegas pola Real Academia de Belas Artes, a figura do arquitecto Alejandro de la Sota, amosa nestes días de recoñecementos, a súa audacia e forza creativa reflectida nunha exposición no Museo de Pontevedra. O museo da súa vila natal

Sota
photo_camera Sota

EN 1927 NACE o Museo de Pontevedra, un centro identificado por un deseño realizado poucos anos despois polo daquela aínda mozo, Alejandro de la Sota. Ese alzado do edificio primixenio do Museo, o edificio Castro Monteagudo, co cruceiro da praza da Leña resistiu o paso do tempo e chegou ata os nosos días para simbolizar o elo de unión entre dous xigantes da nosa cultura.

Tantas décadas despois, vólvense dar a man nunha exposición que redefine a figura do arquitecto Alejandro de la Sota dende o seu vencello coa súa cidade de orixe, e tamén coas súas achegas á arquitectura, as que o converteron nun dos máis senlleiros e novidosos arquitectos do século XX.

Alejandro de la Sota. Pontevedra, 1913-Madrid, 1996. Construírse/Construír, convértese, ata o 27 de maio, nun axeitado contedor de toda unha vida a partir da pegada de ter nacido nun foco cultural que fixo de Pontevedra unha cidade singular con personalidades e proxectos que a definiron, en palabras de Filgueira Valverde, como «unha pequena Atenas». Unha cidade bulideira que se achegaba á modernidade creativa e cultural dende diferentes escenarios que deixaron no arquitecto unha fonda sensación de pertenza a un espazo e a unha memoria.

Debuxos, fotografías, as paisaxes, as saídas pola ría, os amigos, as afeccións, os estudos... Todo iso que é semente

Todo iso está marabillosamente reflectido na exposición, nunha primeira parte que recolle aquela Pontevedra das primeiras décadas do século XX, na que se construíu a persoa. Debuxos, fotografías, a casa natal no sobranceiro Café Moderno, a casa de Salcedo, as paisaxes, as saídas pola ría, os amigos, as afeccións, os estudos... Todo iso que é semente para o futuro que, no caso de Alejandro de la Sota, serían algunhas das nosas mellores arquitecturas.

Esas arquitecturas son as que se conteñen na segunda parte da exposición que percorre as arquitecturas fundamentais da súa traxectoria a través dunha serie de espazos diferenciados onde dende deseños ata fotografías podémonos deter nesas achegas que en edificacións como a Vila Esquivel de Sevilla, o goberno Civil de Tarragona, a factoría de Clesa ou o Ximnasio Maravillas, estas dúas últimas en Madrid, plantexaron toda unha serie de novidades arquitectónicas. Van dende o emprego dos materiais ata a consecución de formas prácticas para o desenvolvemento da función esencial da arquitectura como é acoller o ser humano, algo que tantas veces se esquece por arquitectos confundidos pola espectacularidade formal dos seus proxectos.

Ese equilibro entre o útil e o fermoso, como apuntou o arquitecto Celestino García Braña -quen falou del no acto de honra realizado en Pontevedra pola Real Academia de Belas Artes- forma parte da súa opción como arquitecto, como xerador de espazos e resolución de necesidades a cumprir nos seus proxectos.

O mobiliario segue a definir a súa gran preocupación polo deseño, polas liñas e as formas que xorden do debuxo

Eses proxectos son os que latexan ao longo desta exposición artellada de xeito intelixente polos seus comisarios —Rafael López Torre e o seu propio fillo, Juan de la Sota— e que se prolonga máis alá do arquitectónico, atopándonos diferentes elementos de mobiliario que segue a definir a súa gran preocupación polo deseño, polas liñas e as formas que xorden dun debuxo do que era un auténtico mestre, e dende ben novo, como vemos nunhas fantásticas caricaturas que formaron parte da súa primeira exposición en Pontevedra, unha mostra plástica e afastada da súa futura profesión.

Moitas desas caricaturas foron tamén a maneira de recuperar a memoria do pasado, os protagonistas daquela Pontevedra que se ía esvaecendo polo carreiro dos anos. A Pontevedra que acollería algunhas das súas obras fundamentais e que tamén ocupan un lugar especial na mostra: o Pavillón dos Deportes, a Misión Biolóxica ou a Casa Domínguez. Arquitecturas que o facían regresar a súa vila, a unha terra que era debuxo e música, as súas paixóns, e que converteu en berce para unha arquitectura de emocións e de felicidade á hora de deseñar. Esa mesma emoción é a que podemos percorrer nesta exposición que debuxa a quen se construiu dende unha cidade para logo proxectarse cara o exterior ata ser un referente para tantos arquitectos dende o crucial ‘Construírse/Construír’.

Comentarios