miércoles. 19.01.2022 |
El tiempo
miércoles. 19.01.2022
El tiempo

Gropius, o traballo en equipo

Chegan días de celebracións e conmemoracións arredor da Bauhaus, aquel movemento aglutinador de ensinantes e alumnos arredor da arte como elemento democratizador e de mellora da sociedade. Moitos nomes están tras ela, pero o do seu fundador e máximo ideólogo, Walter Gropius, brilla polas súas achegas, no só na propia escola, senón ao longo da súa traxectoria na arquitectura en Europa e nos Estados Unidos

EN 1919 WALTER Gropius (Berlín, 1883- Boston, 1969) comeza a dirixir en Weimar a Bauhaus, unha escola de arte e artes aplicadas que traballaría dunha forma conxunta moitos deses axentes creativos. A artesanía e a procura de modelos de creación dende a modernidade da industria viñan a sumar dentro dese concepto global da creación e da educación. Pero Walter Gropius era arquitecto, e procedía dunha acomodada familia berlinesa, con outros arquitectos formando parte dela. O seu apelido era xa unha referencia na Alemaña de principios do século XX. De aí que a arquitectura sería o primeiro chanzo para artellar un discurso renovador no mundo da arte, e así, as súas propostas arquitectónicas deron lugar ao coñecido como Estilo Internacional ou Movemento Moderno. Liñas rectas nas que non había concesión á ornamentación e se aproveitaban as novas condicións da tecnoloxía e dos novos materiais para as melloras de habitabilidade e funcionalidade.

"O fin último de toda arte é o edificio! Noutro tempo, a súa decoración foi a máis noble tarefa das artes plásticas, as cales eran imprescindibles para a gran arquitectura". Deste xeito comezaba o Primeiro manifesto da Bauhaus, firmado polo propio Walter Gropius como base ideolóxica daquela escola que arrincou o 1 de abril de 1919. En 1903 iniciou Gropius os seus estudos na Escola Técnica Superior de Munich, que continuou en Berlín en 1905 e deixou en 1907 sen rematar. Entrou como asistente e director de obras do taller de Peter Behrens, un dos protagonistas do movemento renovador da arquitectura. En 1910 Gropius independízase e abre o seu propio estudo en Postdam, con outro importante nome da arquitectura como colaborador, Adolf Meyer. Curiosamente Gropius non sabía debuxar, polo que Adolf Meyer se converteu na súa man sobre o papel.

Quizais, desta situación, desta sorprendente carencia para un arquitecto, proveña o interese que sempre amosou Walter Gropius polo traballo en equipo, por xerar grupos de acción nos que cada compoñente achegase a súa creatividade e sensibilidade a unha idea común. Deste xeito, tras acadar a cátedra da Escola Superior de Arte, non se conformou con ese departamento, conseguindo a fusión desa escola coa Escola de Artes Aplicadas, sendo el, en 1919, o seu primeiro director. Aquel traballo comunitario pronto deu os seus froitos. Con mestres como Paul Klee, Wassily Kandinsky, Moholy Nagy o Josef Albers, a Bauhaus converteuse nun referente no seu campo de actuación, pero ao  tempo comezaba a espertar non poucos receos en certos estamentos.

Os sindicatos de artesáns de Turingia vían ameazado o seu propio labor por aquel sistema de traballo e de productividade, un tanto semellante ao dos antigos gremios. Pero o máis grave chegaba dende a política, as dereitas comezaban a coller o poder e pronto tentaron poñer freo a aquela actividade da que tamén se falaba dun excesivo ambiente de confraternización entre alumnos e mestres, de festas e dunha serie de actitudes que non encaixaban na tradicional concepción do ensino. Dentro desas medidas Gropius é despedido en 1925, e o goberno do land deixa de apoiar á escola. Trasladarase a Dessau, nun ambiente máis favorable. En 1928 Gropius deixa a Bauhaus. Sucédeo primeiro Hannes Meyer, e en 1930 outro coloso da arquitectura, Mies van der Rohe.

A chegada do nazismo ao poder en 1933 foi o punto e final daquel experimento, cunhas consecuencias nas súas propostas que aínda chegan ata os nosos días.

Walter Gropius, tras tentar permanecer en Alemaña, desiste finalmente e chega en 1934 a Inglaterra, onde traballará durante tres anos, pero sempre coa esperanza de voltar ao seu pais, onde aínda seguía con algúns proxectos. Desta época destaca a súa casa de vivendas Ben Levy, no londinense barrio de Chelsea. O futuro de Alemaña e Europa cada vez era máis escuro e nese momento ábreselle un novo camiño ao recibir unha oferta da prestixiosa universidade de Harvard para participar como docente. Un ano depois Walter Gropius ocupa a dirección do departamento de aquitectura que mantería ata 1952, ano da súa xubilación.


En 1925 será a propia sede da Escola da Bauhaus o que permita a Gropius traballar esa concepción global da arquitectura na que todas as artes se integraran entre si


Nos Estados Unidos contaría cunha total liberdade para seguir desenvolvendo as teorías arquitectónicas que naceran entre 1911 e 1915 cando, xunto a Adolf Meyer, constrúe a fábrica Fagus, todo un complexo fabril no que destacaba ese emprego de novos materiais que melloraban a funcionalidade. A adaptación do cristal ás esquinas do edificio administrativo beneficiaba, no so a estética da construción, senón o traballo a desenvolver tras aqueles muros cada vez máis lixeiros.

En 1925 será a propia sede da Escola da Bauhaus, tras o seu traslado a Dessau, o que permita en maior medida a Gropius traballar esa concepción global da arquitectura na que todas as artes se integraran entre si. Todo un manifesto sobre a materia executado ao completo. O rechazo da simetría, a composición de diferentes elementos cúbicos e cada edificio cunha función cara a que se enfocaba a construción: aulas, talleres, vivendas de profesores e estudantes, espazos destinados a vida en común e outros privados. Rapidamente se cualificou de "audaz e extraordinaria" e dunha "vontade constructiva moderna".

En Harvard, xunto a Marcel Breuer, que fora alumno seu na Bauhaus e o que chamou para impartir clase xunto a el, propuxo un novo sistema de estudos que se afastaba do vixente, apegado aínda ao sistema tradicional do século XIX. Alí fundou o TAC (The Architects Collaborative), no que renovou esa idea permanente nel do traballo en equipo, xuntando a un grupo de arquitectos na procura de respostas aos novos retos. Aquela nova mirada cara o emprego dos materiais e a nova comprensión do edificio mudou a construción tamén nos Estados Unidos, a onde tamén chegara Mies van der Rohe, aínda que este establecido en Chicago.

Entre 1958 e 1963 participou na construción do rañaceos da Pan Am en Nova York. Foi un edificio sobre a Gran Central Station que competía co famoso New York General Building, de 1929, e que Gropius converteu no foco visual de Park Avenue, sendo unha obra que levantou numerosas críticas pola súa falla de correspondencia coa propia cidade e cunha contorna tan especial como aquela.

Seis anos despois, en 1969, falecerá en Bostón; pero o destino aínda lle tiña preparado ao seu traballo unha sorpresa final, cando entre 1976 e 1979 se materializou un encargo que se lle fixera dende Alemaña: levar a cabo un edificio con carácter de arquivo no que gardar a documentación daquela histórica escola que marcara a vida de Walter Gropius, a Bauhaus, e que finalmente constrúese en Berlín.

Aquel xoven aprendiz de arquitecto que non sabía debuxar, converteuse nun dos máis importantes renovadores da arquitectura no século XX. Un profesor especial, un innovador director, un defensor do traballo en equipo e alguén cunha visión privilexiada acerca do que as diferentes artes lle podían achegar a unha arquitectura que tiña que respostar a problemas sociais e urbanísticos, na que a produción en serie, nun novo mundo industrializado, tería que facilitar esas solucións, son o legado de Walter Gropius.

A fama da súa escola superouno, pero non fai esquecer o seu legado. Celebramos o centenario da Bauhaus, pero non debemos esquecer a quen a puxo en marcha como o "símbolo cristalino dunha nova fe".

FICHA
Bauhaus
Magdalena Droste

Editorial: Taschen
Páginas: 256
Precio: 20,00 €

Josef Albers, Marianne Brandt, Walter Gropius, Gertrud Grunow, Paul Klee, Ludwig Mies van der Rohe e Lilly Reich son algúns dos nomes propios dun movemento artístico e estético fecundo que rompeu moldes na arte, o deseño e a arquitectura de principios do século XX e sentou as bases da nova arquitectura moderna.

Gropius, o traballo en equipo
Comentarios