Ese lazo que se rompe

María Álvarez Landesa /MARTA G. BREA
María Álvarez Landesa fai deste poemario a presenza eterna dunha nai que para sempre acompañará a quen perdeu a súa condición de filla. Un poemario que procura na infancia a comprensión dunha vida, o sentido do que nos converte no que hoxe somos fronte á ausencia.

HAI CERTAS escritas que son pura ferida. Palabras que fan da ausencia un laio de emoción que trascende ao propio autor e sitúa ao lector nesa mesma situación, a da perda do ser querido. Os pozos elegantes das clavículas, da viguesa María Álvarez Landesa, é un poemario que comparte a dor da morte da nai e a rotura dese lazo absolutamente especial e incomparable con calquera outro que se establece entre unha filla e a súa nai.

Baixo a coidada edición de Alvarellos este brazado de poemas parte dese asterisco permanente que se converte en eterno na lembranza dun diagnóstico, desta vez o cancro que anuncia o final e que fai que pronunciar a palabra morte estableza un horizonte cheo de incertezas e medos, pero tamén o feito de converter ese tempo nunha experiencia que tense aínda máis ese firme elo das que se transmiten a vida.

Dende unha habitación de hospital, co fondo das Cíes, María Álvarez Landesa acumula toda unha serie de sensacións e emocións que a levan a decidir a escrita deste conxunto de poemas, abofé que os máis difíciles de escribir para calquera poeta e dos que a autora sae ben airosa, fuxindo de situacións lacrimóxenas ou gratuítas para acadar a emoción do lector, e onde todo xorde dun sinceiro arreguizo que artella un conxunto de poemas que son homenaxe, mais tamén agradecemento e, sobre todo, a consolidación dunha voz poética chea da madurez precisa para ollar en fite á morte do ser máis querido.

Unha situación tráxica na que María Álvarez Landesa, sempre coa enunciación dese maldito asterisco, atopa nesa experiencia a confirmación final do que supón vivir, ou mellor dito o feito de medrar, ese «Tatuar na pel/ a perda da inocencia», que entende como a maneira de achegarse a comprender o que suporá esa perda definitiva. Momentos nos que é imprescindible asexar nos recendos da infancia, nas lembranzas cando a nai era unha patria, unha figura que todo o amparaba baixo a súa vizosa presenza, e da que irnos pouco a pouco afastando no noso camiño de desenvolvemento persoal.

Abrir a porta a todos eses sabores compartidos, a esas miradas nas que non era precisa a fala, explican por si mesmos todo un hábitat de complicidades, moitas veces inconcebibles dende a razón, máis si dende o estremecemento do vivido. Espazos nos que o sensorial atopa moitos anos despois a súa maior relevancia, unha importancia que no seu momento semellaba intrascendente, pero que agora, asomados ao abismo, convértense nas mellores probas da vida compartida.

Comidas gozadas pola tribo

As comidas gozadas pola tribo, os sabores que enguedellaban aos membros da familia ou o valor da festa como ilusión compartida polo clan, transfórmanse agora nun ronsel de sensacións e mesmo de resistencia fronte a novo tempo. Unha sorte de espazo fosilizado ao que volver cando sexa preciso para reafirmar a importancia da figura materna, esa que emerxe constantemente coa dignidade do traballo, do labor da costura, da habelencia das mans. Unha actitude máis vencellada ao físico, fronte as necesidades máis intelectuais da filla, moitas veces non entendidas dende a súa continxencia para a vida.

María Álvarez Landesa comparte con nós a necesidade das lecturas, das músicas, da procura da beleza na cultura, tamén como maneira de fornecer ese crecemento persoal e atopar as respostas necesarias ante as permanentes interrogacións coas que nos asalta ao longo do tempo toda existencia, e ata o instante último da despedida, cando chega ese inesquecible «sorriso de margaridas», cando finalmente se logra entendelo todo.

É o tempo da ausencia. O «precipicio da soidade» que se activa cando abres un armario e atopas un arrecendo. Este contén un pasado dende o olor da que xa non está. De novo as dúbidas, o estremecemento. As leccións de vida dunha nai que non deixan de xurdir aínda que ela xa non estea dándolle o sentido último á nosa propia existencia e a ese silencio que pouco a pouco sedimentou «nos pozos elegantes das clavículas» e que agora se converte nun poemario que forma parte dos finalistas como mellor libro de poesía nos Premios Follas Novas do Libro Galego e que tamén podemos escoitar, recitados pola propia autora co acompañamento musical de Paco Dicenta, a través dun código QR que se inclúe neste libro no que, como escribe no seu limiar Míriam Ferradáns, «a nai que foi toma corpo na que sempre será mentres estes versos se pronuncien, se lean, se reciten».