Monos azuis
Son coma glaciares os barcos de aceiro (Galaxia) entre o abraio e a fascinación por atopar unha historia contada dunha maneira engaiolante e chea de virtudes que sitúan o debut literario de Cynthia Menéndez como unha das grandes noticias do que levamos de ano no cultural. Un texto que se move na recuperación da memoria que chega ao noso presente dende unha serie de personaxes que en común, pero con cadansúas personalidades e circunstancias, formaron parte dun contexto histórico, social e mesmo cidadán moi determinado, como foi o das loitas laborais no Vigo de finais do pasado século, vencelladas á industria do sector naval.
Tínguese, daquela, todo o relato dun azul que vai dende os uniformes da dignidade dos traballadores, ata o ceo da ría, mais tamén o azul do compromiso e a lealdade, na mestura dun ton de realidade que ao tempo se dilúe nun falar poético que converte todo este devir vital nun gozo literario que nos reconcilia coa literatura que converte a existencia na protagonista absoluta. Afastada de poses e exaltacións autorais e situando o principal no acontecer dos protagonistas ao longo das súas xornadas, cheas dunha cotiandade na que Cynthia Menéndez é quen de capturar esa esencia que converte á vida no centro de atención e onde cada un dos nosos movementos, accións, mesmo os comportamentos máis anecdóticos, falan e describen de maneira axeitada o que somos.
Un libro que fala de amizade e de familias, dos ollos da infancia e de que cómo o mundo muda a medida que os anos e os feitos se suceden as veces de xeito imperceptible, pero outras dunha maneira moi relevante para as persoas. Así aconteceu cando o sector naval tivo que enfrontarse a súa progresiva desaparición e cómo iso afectou a unha chea de traballadores, pero tamén ás súas familias, ás mulleres e aos fillos, pero tamén a toda unha urda urbana que amosaba unha solidaridade cos problemas e as loitas dos demais moito máis intensa e comprometida do que pode acontecer hoxe en día cando as cousas veñen mal dadas para algúns.
Unha escrita que pescuda na loita obreira, que se pousa nun territorio non moi explorado dende a literatura, de aí que esta sexa outra das alfaias do relato, facendo fincapé neste ámbito das tensións laborais e cómo esa atmosfera marcou a toda unha xeración consciente da relevancia dunhas xornadas e das súas actuacións e decisións, aínda que soubesen que a derrota os agardaba, «a delicada felicidade da derrota», mais a única non opción era a rendición, tamén como aprendizaxe para eses fillos e fillas sempre presentes no ámbito dos adultos, non escondidos, e sempre alerta ante o que acontecía no seu reducido mundo, aínda que moitas cousas non se entendesen de todo, pero si que se era consciente da tensión e da relevancia deses intres para o futuro da tribo. Todos eles son os protagonistas, desta vez reducido a un grupo de sete traballadores, o G7, con nomes e detalles individuais que supoñían a sua diferencial achega ao colectivo, a esa manda que sabía que permanecer xuntos, coas súas familias, serían a súa gran forza e o primeiro dos éxitos na batalla.
Poeta, libreira, activista cultural, Cynthia Menéndez pon compromiso político e beleza a fronte da revolución a través desta serie de postais que se moven por diferentes ámbitos, establecendo unha sucesión de imaxes que se fían dende o relato dese grupo, dende eses protagonistas e cómo o íntimo de cada un deles constrúe o colectivo. Unha suma de identidades que en conxunto identifica a unha cidade, a un Vigo que precisa deste tipo de historias para manter a súa esencia, fornecendo a súa memoria de rebeldía lonxe de certas vacuidades contemporáneas que non fan máis que confundir ás novas xeracións do que debería ser a súa propia relación co seu territorio, cun Vigo que aquí tamén se erixe en protagonista, polos seus espazos, polos seus negocios, pola suas rúas convertidas en canles de vida, como todo o que se manexa nesta novela soldada como as chapas metálicas do casco dun barco e recubertas cunha pátina de beleza presente nunhas palabras escintilantes, cheas dese azul da realidade e da saudade, o azul no que unha nova escritora enchoupa a súa mirada e a súa memoria para facernos cómplice do seu talento e porvir.
