martes. 19.10.2021 |
El tiempo
martes. 19.10.2021
El tiempo

Maside. Verán do 52

Entre os meses de agosto e outubro de 1952 Carlos Maside instalouse en Combarro para converter aquel verán nun intenso labor de recreación dunha realidade que lle permitía reflectir a esencia de Galicia, a das súas xentes, a do mar, a dun espazo no que foi feliz.

DA MAN DE Valentín Paz Andrade o pintor Carlos Maside chega a Combarro para pasar esa tempada de verán que se reflectiu en máis de tres centenas de debuxos, acuarelas e apuntamentos que agora se amosan, nunha ampla escolla, no Museo de Pontevedra e se recollen por completo no extraordinario catálogo que completa a mostra.

A selección non foi casual xa que Valentín Paz Andrade coñecía ben a vila mariñeira que dende finais do século XIX se convertera nunha especie de icona galega. A mantenza dun espacio físico tan singular no que o rural, o mar e unha certa condición vilega fixeron dela un reclamo para moitos creadores. Fotógrafos como Zagala, Pintos, Gil ou Ksado, e pintores como Alfredo Souto, Llorens, Sobrino ou Castelao; así como varios paisaxistas cataláns, como Eliseo Meifrén ou Anglada Camarasa, pescudaron nesa identidade pintoresca que xorde da vida mariñeira e da fisonomía das súas rúas. O propio Valentín Paz Andrade escribirá en varias publicacións sobre Combarro nos termos seguintes: "El pueblecito de pescadores más pintoresco e interesante, de más eficacia sugeridora, de más intenso colorido local de Europa".

Ata alí chega Carlos Maside cun obxectivo ben claro, facer daquela identidade singular, algo máis global, o reflexo dunha Galicia a través do traballo da xente, da calidade humana e dunha atmosfera e dun paisaxe no que se advertise a esencia do pobo galego. Isto estivo sempre detrás da pintura vangardista do pintor de Pontecesures, lembremos os seus mercados e feiras, movéndose sempre dende ese valor da plástica como reflexo dunha identidade afastada de rexionalismos baleiros.

A xente sempre foi o seu motivo principal de interese e en Combarro atopou unha mina da que non deixou de extraer materiais ao longo deses tres intensos meses nos que traballou día e noite e cuxas vivencias son xa eternidade grazas ao seu traballo, e do que podemos gozar a través de diferentes seccións arredor da calidade e frescura dos seus apuntamentos, ou da liberdade das súas acuarelas, todo para captar a vida dun pobo e das súas xentes.

Coñécese ben polo traballo feito polo comisario da mostra e historiador Rafael Vallejo que falou co varias das persoas que o acompañaron naqueles días, como Celia Rodríguez, a muller que lle alugou a vivenda e que lle quentaba o leite ás seis da mañá, cando comezaban a escoitarse as buguinas dos barcos para anunciar que se achegaban ao porto coas capturas da noite. Ata ese porto ía o pintor para facer os primeiros apuntamentos do día: peixeiras, barcas, personaxes, retratos... que nun proceso seguinte, que se levaba a cabo pola tarde, completábase na vivenda coas aplicacións das cores e a construción das esceas. Dende o balcón desa casa Maside tiña unha ampla panorámica de Combarro e da ría de Pontevedra, a desembocadura do Lérez, e a orela de Lourizán, aínda virxe fronte a posterior chegada da fábrica de Celulosa que mudou esa paisaxe horaciana. Se o pintor miraba debaixo do seu balcón atopábase o ir e vir da xente, o movemento, no só de peixe, senón tamén dos cultivos de millo e vide que abondan nesa contorna e nesa estación. Cuestións que para un pintor enchen a realidade dun cromatismo imposíbel de imaxinar en vilas como Vigo ou Compostela, nas que adoitou residir. As cores son toda unha sorpresa nestas obras, sobre todo nas acuarelas que amosan unha vibración conmovedora por cómo resume o que abofé tiña o pintor diante dos seus ollos. Un cromatismo que contrasta co sosego de certas esceas, das paisaxes, das arquitecturas, e do labor dos mariñeiros nas augas calmas da ría.

O mundo da infancia e dos xogos tamén estaba moi presente nesa radiografía de Combarro. Toda esa inocencia permítelle ao pintor reflectir moitos momentos que deixan de ser anecdóticos para converterse en inspiración. Así pasaron aqueles tres meses nos que Carlos Maside foi un habitante de Combarro, un habitante dunha Galicia que espertaba dos anos da Guerra e das súas longas consecuencias, pero que aínda conservaba toda unha serie de esencias ás que o pintor se asomou e ao que agora nós mesmos podemos facelo.

Maside. Verán do 52
Comentarios