Opinión

No país de Lamazares inda é día

Unha exuberante mostra no Centro Galego de Arte Contemporánea amosa a profundidade conceptual e plástica de Antón Lamazares, configurador dunha paixase vital dende o eido creativo no que se contén unha fonda sensibilidade dende o rural e o espiritual
Antón Lamazares. AEP
photo_camera Antón Lamazares. AEP

Todo o recinto expositivo do CGAC compostelán permanece adicado á obra de Antón Lamazares na que sen dúbida é a mostra máis ambiciosa e completa sobre a obra do pintor lalinense baixo o comisariado de António Gonçalves. Unha exposición que te absorbe por esa diversidade de pezas, por esa inmensidade pictórica que te acolle como un convidado, pero que ao pouco tempo de enfrontarte a ela semella engulirte.

Con todo, o que xorde é unha sorte de territorio persoal, o país de Lamazares no que, empregando o título da exposición, inda é día, e tras o tempo transcurrido dende o seu comezo na arte, a principios dos anos 60, certamente aínda se amosa en pé, vizoso nas súas expectativas, radical na súa contundencia formal e profundamente lírico nas súas propostas máis recentes, vencelladas á creación dunha linguaxe propia, ese Alfabeto Delfín poderoso no visual e sorprendente no matérico.

Tiven a sorte de percorrer a exposición sen apenas compañía, eran horas estrañas para un museo, a hora do almorzo que entretiña aos posibles visitantes, pero que a min me permitiu, ou así o sentín, acadar unha nova dimensión na contemplación da obra de Antón Lamazares, esa dimensión é a que xorde do silencio, dun silencio que en primeiro lugar leveda dende o interior das súas obras, sobre todo das máis recentes, grandes superficies pictóricas nas que a cor reconfigura a súas posibilidades, xa non só expresivas, senón tamén enigmáticas e cautivadoras para o espectador.

Enfrontarse a eses grandes murais nas enormes paredes da arquitectura proposta por Álvaro Siza acada unha experiencia mesmo mística, de evasión dunha realidade cada vez máis insoportable fóra do centro artístico e co que o creador activa unha mirada interior, a da propia introspección do espectador cara o seu eu ante o que moitas veces elude a súa responsabilidade.

A medida que nos movemos pola exposición visitamos diferentes momentos da súa obra, obras creadaS en diferentes escenarios vitais, Madrid, Berlín... pero que acaban sempre recuncando na súa xénese, na súa aldea do Deza, de verdes leiras e olorosas maceiras, e todo iso emerxe de moitos dos seus traballos dunha maneira emocionante. Se a pintura galega é unha pintura de verdes, poucos máis emocionantes e intensos que os de Antón Lamazares, un verde que máis cunha cor é un xúbilo, un estremecemento do neno que medrou ata hoxe, pero que nunca deixou de sentir aquela herba recén cortada baixo os seus pés, coas humidades gabeando polas súas pernas, co arrecendo a liberdade e, en definitiva, cun pasaporte cara a eternidade no seu maxín.

Ata chegar a eses verdes recuperamos ao primeiro Antón Lamazares, o que se quería subir ao tren da modernidade artística naquel país aínda gris e escuro, os ecos do informalismo, a configuración dunha linguaxe propia, a experiencia dentro e fóra da superficie do cadro, a necesidade de conquistar unha verdade que sabía necesaria para darlle sentido a todo pero á que custa moito chegar. Moitas horas de taller, moitas exposicións, moita vida, moito viño e moito pan, en definitiva, todo o preciso para chegar ata este 2024 no que pousar ante nós unha contundente exposición que as veces semella moverse ante a nosa vista coa gracilidade do voo dunha bolboreta.

Esa dobre capacidade da súa pintura é o máis sorprendente dentro deses diferentes momentos, cheos de experimentacións, de aproveitamento de materiais, de madeiras creadas, outras inventadas, de intuicións humanas, pero que contribúen, en conxunto, a un resultado que non deixa de sorprender polas súas posibilidades, nun principio impensables.

Pero se algo converte a aldea nun contexto especial son as diferentes luces do día, o amencer, o mediodía, ou o solpor, un reloxo vital que configura a vida, que modifica as visións dunha mesma realidade que solidifica unha lembranza. E esa luz a que tamén explica moito do que sucede nesas superficies, nesas pinturas que reflicten un país, o país de Lamazares no que inda é día.

Comentarios