Ultramarinos Seoane. Unha revisión

A sala Manuel Moldes da Facultade de Belas Artes de Pontevedra acolle unha atractiva e lúcida revisión da figura de Luis Seoane, ponte humana e intelectual entre Galicia e o Cono Sur, dende a proposta estética do artista chileno César Gabler

A primeira exposición en España do artista chileno César Gabler ten lugar ata o 22 de novembro na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, na que este artista visual e docente da Facultade de Arte da Universidade Finis Terrae de Santiago de Chile, amosa unha intelixente aproximación á figura de Luis Seoane (Bos Aires, 1910-A Coruña, 1979) quen, como poucas, exemplifica a abondosa relación entre Galicia e os países da comunidade latina cos que a nosa terra estableceu, dende os procesos migratorios, un fío cheo de emocións pero, tamén, e no que nos ocupa, de novas propostas artísticas.

César Gabler adoita reflectir no seu traballo as diferentes relacións entre a persoa e o colectivo en momentos determinados da historia a través da elección e manipulación de diferentes imaxes coas que traballa xerando unha nova proposta, un discurso visualmente engaiolante e que tamén permite abrir as posibilidades expresivas dos seus anteriores creadores, esnaquizando as fronteiras que a propia historia reafirmou ao ao longo do tempo dun xeito inmutable.

Desta vez, e baixo o comisariado de Nono Bandera, o artista chileno escolle a Luis Seoane para traballar esa reformulación histórica a través dunha nova imaxinería que aquí entende moi ben o espazo da sala, propoñendo unha serie de pezas nas que en cada unha se aborda unha faciana que se agochan baixo a inxente figura de Luis Seoane. Como se da súa propia imaxe se foran seleccionando e subliñando diferentes anacos que terminan configurando un todo, pero que a César Gabler lle permite abordar algunhas das súas cuestións artísticas ou vitais nos seus novos traballos.

Así é como nos enfrontamos a Vidas paralelas, un mosaico de 72 módulos no que o artista propón unha panorámica do sistema de representación de diferentes pintores.
El mesmo recrea —amosando a súa capacidade para o debuxo e o pictórico— unha coñecida obra de Fernando Álvarez de Sotomayor, representante da estética rexionalista, e que tivo unha gran relación con Chile, xa que a ese país chegou en 1908 como profesor da Escola de Belas Artes da que foi o seu director, deixando no panorama artístico do momento naquel país unha importante pegada; ao seu carón outra recreación que nos adentra na vangarda da man de Gutiérrez Solana, unha vangarda moi singular, vencellada á tradición da negrura española e nun Madrid que quería espertar do seu inmobilismo e converterse así nunha cidade cosmopolita, para iso reflicte un anaco do mítico cadro da Tertulia do Café Pombo de 1920.

Simplicidade e uso da color

A obra de César Gabler complétase con outros dous retratos, desta vez con esa liña definida de Luis Seoane, caracterizada pola simplicidade, polo emprego da cor, singularizando un estilo que camiña ao galope cara a modernidade e o deseño por riba mesmo do pictórico.

A seguinte peza que atopamos amosa a situación do desprazamento físico mediante un mural pintado na propia parede da sala. A viaxe dende Galicia ata Arxentina, a terra do emigrante, o espazo do exilio forzado pola situación derivada da sublevación militar de 1936. Non son de aquí, tampouco son de alí, fala dese tránsito xeográfico, mais tamén mental, esa cuestión case de naufraxio no que se mergulla unha vida que ten que fuxir do seu territorio natural.

Atopamos outro fragmento da vida de Luis Seoane cunha instalación que, baixo o título de Laboratorio de Formas, propón unha achega visual e mesmo emocional, a aquel proxecto renovador, todavía hoxe non superado, cando non maltrado polo tempo e as gadoupas nas que caeu anos máis tarde, que baixo o Laboratorio de Formas supoñía crear unha manufactura de índole galega a partir dun traballo contemporáneo con formas e técnicas procedentes e identitarias da nosa tradición. Diferentes elementos xeran agora unha sorte de cadáver exquisito no que se enguedellan variadas liñas de traballo daquel intre artístico.

Con todo un océano de memoria polo medio César Gabler vencella a súa obra á de Luis Seoane neste Ultramarinos Seoane que se converte nun andel cheo de produtos que nos falan dunha vida e de cómo esa existencia fixo da arte unha maneira de expresar as derivas das súas continxencias. A presenza dende a distancia dunha terra e dunha alma á que nunca renunciou e á que agora nos axuda a entender César Gabler.