Ornato e éxtase de Lula Goce

A galería Dupla, en Compostela, acolle unha mostra do traballo de Lula Goce. Máis coñecida polo seu espectacular proxecto urbano esta exposición redimensiona a súa obra e permite atopar novas arelas na súa proposta contemporánea sen perder pé no clásico.

ATOPAMOS sempre no traballo de Lula Goce (Baiona, 1985) que adoita desenvolver en grandes superficies urbanas esparexidas por todo o mundo unha visión da beleza que impacta en moitos casos polo que supón o contraste cunha contorna non sempre promotora desa beleza, que debería ser unha condición necesaria para a mellor vida de todas e todos nós. Eses impactantes murais, instalados en medianeiras de edificios, acollen unha mestura de natureza e presenza humana que xera unha nova visión da cidade, unha sorte de fiestra pola que esvara a nosa mirada recuperando a arte como desacougo, como un desabafo que en moitos casos xa tivo ese papel ao longo da historia.

Esa mirada á tradición, á propia historia da pintura, permanece de fondo sempre na obra de Lula Goce, aínda que ela o propoña e inxira dentro duns códigos contemporáneos que teñen ao mellor máis que ver coa cultura urbana do territorio do grafiti, pero que dende o seu talento, osadía e creatividade permite presentar dunha maneira tan suxestiva como atractiva para o espectador. Nas súas obras reúnense figuras humanas, extraordinarios retratos con elementos vexetais ou froitos. En definitiva, un tratamento dende o contemporáneo, pero con xéneros que xorden de tempos pasados, con elementos propios do mundo barroco ou mesmo da arte grega.

Esa mesma proposta é a que acolle a galería Dupla para iniciar o curso dentro da acción colectiva Aberto 24 que reúne a nove galerías de Galicia unidas na Asociación de Galerías de Arte Contemporánea, e alí, nese espazo, Lula Goce condensa eses ingredentes que se enguedellan no seu traballo. Temos os retratos de mulleres, a vexetación e os froitos, pero tamén todo ese ornato que, representado polas follas de acanto, tradicional elemento da iconografía artística, mantén acesa esa permanencia do pasado que é tan vigorosa cando falamos da arte, e todo iso reflectido dende un contundente realismo que deseguida seduce o espectador ao tempo que entende esa tensión provocada polo contraste deses rostros cunha vexetación e uns froitos que teñen no tempo e na súa acción de desgaste un motivo tamén tradicional na pintura como é o da vanitas. Esa fugacidade da existencia é á que Lula Goce non renuncia e que se acelera nas representacións feitas para exteriores pola acción climatolóxica, pero que no interior dunha sala de arte xa queda nas nosas mans e as lecturas que fagamos das súas obras.

En varias desas obras atopamos xestos de mulleres, afoutas, sempre donas de seu, que levan a activar a introspección do ser humano, a capacidade para pescudar no interior e adicar tempo á reflexión sobre unha mesma e que, xunto a ese ámbito natural, semella tamén alentar a necesidade de pensar dende o máis primitivo, dende aquilo que nos afaste dunha sociedade cada vez máis confusa e chea de distraccións especulativas que nos rouban demasiado tempo a nós mesmos. Unha tensión entre o íntimo e o público. Tamén na exposición, de título ‘Inner Garden’, na que algunhas desas pezas son fragmentos de grandes obras realizadas en exteriores ao longo de 2023, atopamos unha peza en 3D, un xogo de volumes na que á vexetación natural se lle engade unha cegoña co que Lula Goce ensaia tamén a visualización dun movemento e como as súas obras poden gañar en realismo. E outras son representacións de flores, exuberantes primeiros planos de diferentes especies que completan este xardín co que Lula Goce nos rodea para crear un espazo íntimo, que posibilite a nosa evasión da realidade, producindo un espazo de inspiración que, como fai unha das súas protagonistas, case nos leva a pechar os ollos e sentir todos eses elementos que nos circundan.

Acostumados como estamos a ver a obra de Lula Goce en superficies urbanas, ben sexa en directo ou a través da pantalla do noso ordenador, enfrontarse a estas pezas supón entender dun xeito máis directo o seu traballo, no que, mantendo as súas referencias plásticas, podemos ollar enfite e a poucos centímetros ese xeneroso universo plástico entre o ornato e a éxtase.