Vídeos

'Aute Cuture', a manicura inédita de Rosalía convértese en videoclip

Rosalía publicou este xoves un novo tema inédito, Aute Cuture, dispoñible en plataformas de audio en streaming, así como o seu correspondente videoclip, unha colorida produción con extravagantes e imposibles manicuras como fío narrativo e a factura das películas dos 70.

Dirixido por Bradley & Pablo, a partir dunha historia desenvolvida por esta parella de realizadores, a propia artista e Pili, este traballo audiovisual empeza xa a acumular reproduccións de forma fulgurante como pasou cos seus últimos clips.

A canción, coescrita por Rosalía, El Guincho e Leticia Sala, retrata segundo a nota remitida por Sony Music a "unha moza segura de si mesma que superou un desengano amoroso e que agora proxecta a súa fortaleza na súa paixón pola moda e o estilismo persoal".