1.093.613. A plataforma dixital do Grupo El Progreso acaba de romper con rotundidade a barreira do millón de usuarios únicos nun mes de marzo de auténtico récord.
Preto de 700.000 lectores —en concreto 698.826— corresponden a El Progreso, que experimenta un crecemento do 70,92%. Diario de Pontevedra tamén establece unha nova marca con 332.811 (+51,01%), o que supón superar por primeira vez os trescentos mil usuarios. A terceira pata da plataforma, Galiciae.com, achega outros 61.976, cunha subida en termos relativos do 87,84%. Todo iso para totalizar 1.093.613 usuarios (un 65,14 por cento máis de media), sempre segundo os datos oficiais de Google Analytics.
O aumento no número de lectores vén acompañado dun crecemento exponencial no número de páxinas vistas (5.679.958) e tamén na cifra total de visitas (2.745.867). En termos relativos as subidas son do 128,33% e do 68,27%, o que dá idea da evolución experimentada pola dixital do Grupo El Progreso.
Estes datos positivos, que reforzan os liderados tanto de El Progreso como de Diario de Pontevedra nas súas respectivas áreas de influencia, veñen acompañados dun aumento da duración das sesións, o que significa que os usuarios dos distintos sites teñen agora máis motivos para alargar a visita e, consecuentemente, mellorar a súa experiencia de usuario. Todo iso é un dato a ter en conta por anunciantes e publicistas, que cada vez apostan máis pola plataforma dixital deste grupo de comunicación.
Os datos de Google Analytics correspondentes a marzo, que establecen rexistros históricos para ElProgreso.es, DiariodePontevedra.es e Galiciae.com, prodúcense tras uns meses de gran crecemento, que se iniciou co cambio de deseño e xestor de contidos dixitais (CMS) levado a cabo pola empresa galega Openhost desde o 14 de novembro.