Domingo. 21.01.2018 |
El tiempo
Domingo. 21.01.2018
El tiempo

'Afouteza' vence cun 48% dos votos a 'sapoconcho' como a palabra galega do ano

O Celta colaborou intensamente na visibilización da palabra 'afouteza'
O Celta colaborou intensamente na visibilización da palabra 'afouteza'

'Independencia' sitúase entre ambas no podio ►Máis de 3.000 persoas participaron na votación

Os galegos elixiron afouteza como Palabra do Ano 2017, unha iniciativa promovida polo Portal das Palabras, o proxecto web para a modernización e divulgación do léxico galego da Real Academia Galega e a Fundación Barrié.

Segundo informan os promotores da iniciativa nun comunicado, afouteza foi votada por 3.004 persoas (un 48 por cento) das 6.228 que participaron.

PODIO. O dicionario da RAG contén dúas acepcións de afouteza: "a disposición de quen actúa sen temor ás dificultades ou perigos" ou ben "a seguridade que unha persoa demostra en si mesma".

A palabra elixida e as outras sete finalistas tiñan "forza informativa", destacan os organizadores, xa que centraron por diversos motivos algúns dos temas con máis presenza nos medios, "e a maioría, ademais, cun valor engadido desde o punto de vista estritamente lingüístico".

Independencia foi a segunda palabra máis votada, con 939 votos, seguida de sapoconcho, con 830.

Tras elas, con moitos menos votos situáronse eucaliptización, teimudo, vaga de lumes, violencia de xénero e velutina.

Nas tres edicións anteriores as gañadoras foron irmandade (2016), refuxiados/as (2015) e corrupción (2014).

A orixe da palabra 'afouteza' é o verbo do latín 'favere', que significa "favorecer" ou "protexer"

AFOUTEZA. Os promotores desta iniciativa lembran que afouteza foi unha das palabras máis buscadas no dicionario da RAG, sobre todo por mor dunha campaña publicitaria do Celta de Vigo, que ten esta palabra no seu himno.

Despois, afouteza saltou do campo de fútbol á rúa, da rúa aos medios e tamén se introduciu en textos de diferente tipo, espertando a curiosidade de quen non a coñecían e pasaron a incorporala ao seu tesouro léxico persoal, asegura a RAG, que incide: "A palabra, cun sólido fundamento histórico, foi gañando posicións nestes meses no fala e o léxico vivo".

A orixe da palabra é o verbo do latín favere, que significa "favorecer" ou "protexer", e que os romanos usaban en principio no ámbito relixioso para referirse aos favores e á benevolencia dos deuses cos mortais.

De favere e do seu supino fautum chegouse en lingua romance a fouto e fouta, as formas primitivas do adxectivo afouto e afouta.

A primeira recollida lexicográfica fíxoa Juan Sobreira a finais do século XVIII e estivo presente sen interrupción nos dicionarios e glosarios históricos, incluída a primeira entrega do Dicionario da Academia (1913-1928).

Ademais, a palabra aparece con certa regularidade en textos literarios e, particularmente, nos medios de comunicación, desde O Tío Marcos da Portela, pasando pola Monteira, a revista Nós e A Nosa Terra de principios do século XX, entre outras.

'Afouteza' vence cun 48% dos votos a 'sapoconcho' como a palabra...