Jueves. 22.02.2018 |
El tiempo
Jueves. 22.02.2018
El tiempo

O thriller 'Dhogs' acapara 17 nominacións aos Mestre Mateo

Morris, nunha escena de 'Dhogs'. AEP
Morris, nunha escena de 'Dhogs'. AEP

A gala de entrega será o 3 de marzo no Palacio da Ópera da Coruña 

O thriller en galego Dhogs acapara un total de 17 nominacións en 14 categorías dos Premios Mestre Mateo, entre elas a mellor longametraxe, a mellor interpretación protagonista, para Iván Marcos e Melania Cruz, e a mellores actores de reparto, para María Costas, Antonio Durán Morris, Carlos Blanco e Miguel de Lira. 

Dhogs foi finalista ao premio á mellor película no Festival de Rizoma, que celebrado en Madrid, combina cinema, arte e música. A ópera prima do meirego Andrés Goteira tamén gañou o premio a mellor película da quinta edición do festival de cinema fantástico Nocturna Madrid, alzouse co galardón na categoría de mellor longametraxe na vixésimo segunda edición do Festival de Cinema de Split e competiu no pasado Festival de Sitges. 

Dhogs é unha coprodución de Gaitafilms e PixelFilms e foi filmada en varias localidades de Galicia como A Coruña, Viveiro e As Pontes, así como no deserto de Tabernas (Almería). Conta a historia dun taxista que circula de noite polas rúas dunha gran cidade, mentres que se produce un encontro casual entre un home de negocios e unha muller, o que conduce a unha aventura e a un crime. 

A longametraxe compite tamén polo mellor guión, dirección e montaxe para Andrés Goteira, que comparte esta última categoría con Juan Galiñares. Ademais, Lucía Catoira, Noelia Vilaboa e Germán Díaz disputaranse os premios á dirección fotográfica, á dirección artística e á mellor música orixinal, respectivamente.

OUTROS NOMINADOS. Os encargados de anunciar os nominados foron os actores María Mera e Monti Castiñeiras, que leron os finalistas de entre máis de 158 obras presentadas.  Así o fixeron este mércores nun acto que tivo lugar nas instalacións da Sociedade Xeral de Autores de España (Sgae) e que estivo presidido polo presidente da Academia Galega do Audiovisual, Carlos Ares. 

A cerimonia de entrega de premios celebrarase o próximo 3 de marzo no Palacio da Ópera da Coruña e estará conducida pola actriz Iolanda Muíños. 

Na área de mellor longametraxe, están nominadas A estación violenta, Os fillos do sol e Trinta Lumes, ademais da xa mencionada Dhogs.

Xunto á xa mencionada Melania Cruz, compiten pola mellor interpretación feminina as actrices Nerea Barros, por A estación Violenta; Sabela Arán, por Viradeira; e Sonia Castelo, protagonista de Juana de Vega, vizcondesa do arado. 

O compañeiro desta última, Iván Marcos, está nominado ao mellor actor protagonista, xunto a Alberto Rolán, por A estación violenta; Federico Pérez, por Era visto!; e Javier Rey, por O final do camiño.

A muller invisible, Escarabana, La Madrina e Matria son as finalistas na categoría de mellor curtametraxe; Galesauros, The neverending wall, Paquita e Sinceramente, yo ya no razono na de mellor curtametraxe de animación

Destacan dous nomes femininos: Diana Toucedo e Anxos Fazáns. A primeira é finalista nas categorías de mellor longa, guión e montaxe por Trinta lumes e, nesta última, tamén por A estación violenta. Precisamente, comparte esta última candidatura con Iria Silvosa e con Anxos Fazáns, que tamén compite polos premios á mellor dirección e ao mellor guión.

En canto á televisión, as series nominadas, todas elas emitidas na Televisión de Galicia, son Era Visto!, O final do camiño, Serramoura e Vidago Palace —esta última producida en colaboración coa cadea pública lusa Rádio e Televisão de Portugal (RTP)—. 

Os presentadores de televisión María Solar, de A revista fin de semana; Nieves Rodríguez, de Vaia troula; Rodrigo Vázquez, de Ti verás; e Roberto Vilar, de Land Rober Tunai Show, disputaranse o galardón ao mellor comunicador de televisión. 

Este último espazo está nominado ao mellor programa da televisión galega xunto a ADN galego, Que casas! e A revista fin de semana.

UN ANO "MOI BO". En declaracións aos medios, o presidente da Academia Galega do Audiovisual asegurou que 2017 foi "un moi bo ano, con obras moi diferentes" para a industria audiovisual. 

Ademais, Ares agradeceu ao público galego polo seu "apoio" en series, programas, películas e curtametraxes que, segundo indicou, "son premiadas nos festivais máis esixentes do mundo". 

"Iso quere dicir que sabemos facer o noso traballo, que o audiovisual galego goza de moi boa saúde", declarou. Nas súas palabras, Galicia "debe estar contenta do seu audiovisual e da súa cultura". "Os países sen audiovisual non existen", subliñou.

O thriller 'Dhogs' acapara 17 nominacións aos Mestre Mateo