O cadro de persoal de FCC, concesionaria da recollida do lixo do Concello de Ponteareas, decidiu finalmente convocar folga indefinida a partir do vindeiro luns 18 para reclamar un novo convenio colectivo que fixe uns "soldos dignos".
Segundo denuncia a CIG nun comunicado, os 20 traballadores "ingresan pouco máis do salario mínimo e aspiran a elevar as nóminas ata os 1.000 euros mensuais".
O paro indefinido comezará ás 6:00 horas do vindeiro luns 18 de decembro, tras dar por rotas as negociacións coa compañía tras os contactos das últimas semanas.
"Suspendemos as conversas por mor da parálise e do inmobilismo da dirección, que non varía a súa postura inicial; máis que unha negociación, o que quere impoñer FCC son as súas condicións para seguir mantendo a precariedade nas condicións sociais e económicas dos traballadores/as do lixo”, explica Pedro Pérez, secretario de Organización da CIG-Servizos.
O responsable sindical lembra que o Goberno local de Ponteareas "é bo coñecedor desta situación", xa que a propia representación sindical lle trasladou "a parálise e o retroceso" da mesa de negociación no último ano, "estando nas súas mans a posibilidade dunha saída negociada coa empresa contratada para este servizo".
Os traballadores piden "comprensión e solidariedade" aos veciños coas súas reivindicacións.
Convocada folga indefinida no servizo de recollida do lixo do Concello de Ponteareas
O persoal de FCC, a empresa concesionaria, reclama "soldos dignos"