Axentes da Garda Civil desaloxaron o pasado 29 de novembro un furancho que se atopaba en plena actividade dúas horas despois do toque de queda. Sucedeu no municipio coruñés de Touro.
En concreto, os axentes recibiron o aviso de que un local podería estar a atender clientes máis tarde das 23.00 horas. Desprazados ata o lugar, ao redor das 00.50 horas, comprobaron que no exterior do establecemento había cinco vehículos estacionados, así como ruído que procedía do interior.
A entrada principal do local atopábase pechada cun portalón de ferro e con cans soltos no seu interior. Unha vez percorrido o perímetro da leira, os axentes observaron "un gran número de persoas" que estaban "a se marchar pola porta traseira do local.
En concreto, puideron percibir, polo menos, a 15 persoas, das cales 10 foron identificadas, entre elas menores. En total, formuláronse sete denuncias por varias infraccións relacionadas coa prevención da covid-19.