Entrevista... Gómez Besteiro

"O PSdeG diferénciase do resto en que somos a esquerda que xestiona e que fai as cousas posibles"

Quizais porque desfruta coas campañas, a Gómez Besteiro non hai enquisa que lle quite o sono nin a "ambición" de chegar á Xunta para "mellorar Galicia". Para iso, ofrece "solvencia" e "boa relación co Goberno"
José Ramón Gómez Besteiro (Lugo, 1967). NACHO SANTÁS
photo_camera José Ramón Gómez Besteiro (Lugo, 1967). NACHO SANTÁS

Que sensacións lle está deixando a campaña electoral?
Pois unha sensación moi agradable. A min sempre me gustaron as campañas, porque teñen un plus de sociabilidade e eu son unha persoa sociable, así que sempre que me fan esta pregunta digo o mesmo: eu desfruto coas campañas. Falas con todo o mundo, coincides con moita xente que hai tempo que non ves... Gústame!

Co PSdeG hai enquisas para todos os gustos, desde os 9 aos 17 escanos. Onde vai estar ao final?
Pois o PSdeG vai a estar moi arriba. Estou lembrando agora a última semana das eleccións xerais do 23 de xullo porque era algo moi parecido a isto: que se maioría absoluta do PP, que se para o resto non había nada que facer... pero ao final houbo unha mobilización que mudou todo. Eu o que percibo nesta segunda semana é que os galegos xa se están metendo en campaña electoral, porque antes a verdade é que non estaban moito; e creo que agora si se están movendo. Todos os expertos coinciden en que de dez anos para aquí, cada vez máis xente decide o voto na última semana, e iso é algo que ao PSdeG lle vai vir ben.

Enquisas
"O PSdeG vai estar moi arriba; cada vez máis xente decide o voto na última semana e iso é algo que ao partido lle virá ben"

Pode remontarlle incluso a distancia ao Bloque?
Eu creo que a xente vai sumarse ao cambio, un cambio que si que está moi instalado entre os galegos. Pero agora cada quen ten que tomar a decisión de a quen lle dá o voto e ese é un momento para reflexionar sobre quen lles inspira maior solvencia. E eu penso que van optar por nós.

E que diferenza o PSdeG do resto da oferta da esquerda?
Eu creo que o Partido Socialiasta é o reflexo da esquerda que xestiona, desa esquerda que fai as cousas posibles.

Parece que a campaña se polarizou en exceso entre PP e BNG. Séntese prexudicado?
Eu non me sinto nese sentido prexudicado por unha polarización PP-BNG. Nós representamos un modelo de facer política diferente. O noso espazo é un proxecto que se abre a todos e nese sentido eu son moi tolerante co resto.

Dise que a vostede o colleu demasiado cedo a data electoral. Gustaríalle ter algo máis de tempo de campaña?
[ri] As cousas veñen cando veñen! É como na vida mesmo e non podes estar facendo retrospectivas de como deberían ser as cousas e non foron, porque viñeron como viñeron. É verdade que eu levaba pouco tempo como candidato, pero é que en 2024 sabiamos que habería eleccións de todas formas. Non ten sentido darlle voltas.

Que lle diría a esa bolsa de votantes indecisos que aínda existe?
É unha porcentaxe importante. A primeira reflexión é que, se están a estas alturas sen decidir o voto, é porque queren cambio no fondo do seu corazón. E a segunda é que lles podo dar unha boa nova: ese cambio depende deles. Se queren apostar por un cambio seguro, solvente, con garantías, con experiencia, con ambición e con conexión con outras administracións, porque é importantísima esa interacción e esa influencia, teñen un só voto posible: o PSOE.

Case todas as enquisas lle dan a maioría ao PP de Rueda. Confía aínda así no cambio?
Totalmente. Eu a percepción que teño hoxe, a poucos días das eleccións, é que o cambio xa está instalado en Galicia.

Viu evolución na campaña?
Vexo que si, que hoxe hai moita máis xente que desexa o cambio da que prefire quedar como está.

Indecisos
"Se queren apostar por un cambio solvente, con garantías, experiencia e ambición, só teñen un voto posible: o do PSdeG"

Que considera prioriario para Galicia e os galegos se chega á Xunta?
Eu establezo dúas cuestións importantísimas que repito de forma insistente desde a precampaña e tamén en campaña. Unha é a aposta por máis empregos e mellores salarios e iso vai vir da man da reindustrialización de Galicia. Para iso temos unha oportunidade de ouro que non podemos perder. Ese plan que nós queremos traer para Galicia é fundamental porque nos vai mellorar a perspectiva do emprego, vainos permitir subir catro puntos o peso industrial no PIB e vai xerar unha horquilla entre 40.000 e 50.000 postos de traballo, que se lle sumamos os accesorios, podemos andar nos 100.000 empregos industriais nos vindeiros anos. Así que o resumo é que son máis empregos e mellores salarios. E a segunda medida sería un paquete para rescatar a sanidade pública: isto é esencial.

Sería vicepresidente da Xunta chegado o caso?
[ri] Nós apostamos polo cambio e por ese cambio co PSOE. Dito isto, nós respectamos a decisión da cidadanía e despois o futuro pode abrir diferentes escenarios e responsabilidades.

Recibiu críticas por non deixar o seu escano no Congreso dos Deputados. Por que o fixo?
Eran críticas interesadas do Partido Popular. Eu sempre correspondín da mesma maneira: empezo un traballo e remato outro, iso foi ao que me comprometín desde o minuto un. Polo tanto, todo o mundo sabe que o meu compromiso é unicamente con Galicia, de principio a fin. Que ninguén teña a menor dúbida! Só a ten quen quere fomentar ese debate. Eu tampouco cuestionei que Alfonso Rueda ou Ana Pontón deixen de ser deputados autonómicos. E segundo: eu estiven rendendo servizos a Galicia ata hai ben pouco, ata a semana pasada como quen di. A miña colaboración e achega a Galicia deuse grazas ao feito de ser deputado no Congreso, así que eu non quería deter ese tempo por nada do mundo.

Programa
"A miña prioridade serán máis e mellores empregos a través dun plan de reindustrialización e rescatar a sanidade pública"

E se as cousas non saen como espera o domingo, contempla facer política fóra de Galicia?
Iso está fóra de toda discusión. O meu compromiso é con Galicia e non teño ningunha dúbida.

Usou moito nesta campaña a palabra ambición. É Gómez Besteiro ambicioso?
Totalmente! E o Partido Socialista máis! Eu creo que é unha das cousas importantes que nos separa do resto de partidos e que declaramos esa ambición por este país, porque cremos nel e porque cremos que pode estar mellor. A ambición é imprescindible en política e iso é o que nos separa do resto de partidos: que na nosa oferta somos ambiciosos. Cremos nas posibilidades de Galicia e cremos en sumar máis xente e máis administracións ao noso proxecto. Galicia debe ser ambiciosa e non quedar instalada nesa apatía dos últimos 15 anos. E debe ser ambiciosa non só dentro, senón tamén fóra. Creo que ambición é unha palabra que di moito sobre o país ao que aspiramos no PSOE os vindeiros catro anos.

Tamén presumiu da súa boa relación e da capacidade de influencia en Moncloa. Como pode beneficiar iso a Galicia?
Totalmente. No debate da TVG xa lle dicía a Rueda que trouxera máis investimentos e cousas para Galicia eu nos últimos meses que el nos últimos anos. E falaba de maior carga de traballo, fondos europeos... Os vindeiros catro anos serán vitais para España e especialmente para Galicia, porque vai vir unha nova fornada de fondos europeos vinculados a proxectos industriais e á produción de enerxía. Para acceder a eses fondos é fundamental ter boa relación e capacidade de influencia no Estado e o único que ten hoxe esa capacidade é o PSOE.

Vostede acusa á Xunta de estar enfadada co Goberno central.
E a proba é que están poñendo paus nas rodas a todos os proxectos e botándolle a culpa ao Estado de todas as cousas. E tamén está enfrontada a Xunta cos concellos, aos que carga de responsabilidades e de tarefas sen trasladar financiación nin competencias. Hai que reconciliarse co mundo municipal e hai que sumar acción co que faga o Goberno, porque de aí virá a forza de Galicia. Estar separados e illados, como nestes últimos quince anos, non ten sentido. España medra e Galicia mira.

Campaña. "No futuro aquí imos falar de transición enerxética"

José Ramón Gómez Besteiro. EP

Nunca se lembra tal desembarco dun Goberno nunha campaña galega. Cre que axuda?
Eu creo que cando hai compromisos, todo axuda. E os compromisos de moitos compañeiros socialistas con Galicia son importantes. Porque no futuro aquí imos falar de transición enerxética, de comunicacións, de infraestruturas, de vivenda pública, de investimento en sanidade, de dependencia, de portos, de trens, de mercancías, de industria... E todo iso está moi vinculado á aposta que faga o Goberno socialista, que é o que vai estar os vindeiros catro anos. Eu son un firme defensor de todo o que sexa sumar e apoiar e non comparto iso de que "vou por libre" ou "teño as mans libres". A capacidade de prosperar implica compromiso e o compromiso, tal e como eu o vexo para Galicia, é traer as mans cheas de cousas.

Nesta campaña percorreu Galicia como levaba tempo sen facer. Que atopou?
Pois unha Galicia onde hai menos emprego, menos poboación, menos dereitos, menos servizos públicos... Estamos nun momento onde un modelo remata, un proxecto acaba e é a oportunidade de que todos sumemos para pasar páxina.

Confía no apoio dos seus paisanos de Lugo?
Lugo ten que saber que quere facer no futuro. Se quere máis emprego, máis dereitos e ambición de país e de provincia, optará polo PSOE. Se quere que todo siga igual, votará PP.

Test. "Non se pode mentir nunca, para a mentira non hai xustificación"

Gómez Besteiro é avogado. EP
Gómez Besteiro é avogado. EP

Cal foi o peor momento da súa vida política ata agora, un no que pensase en deixalo todo?
Na vida tes momentos agradables e desagradables, como todo o mundo, e a política é como a vida. No persoal, por exemplo, a perda de seres queridos é tremenda, ese encontro coa morte, igual que as cuestións familiares... E na política tamén tes momentos bos e malos, pero eu non lembro un momento especialmente malo, alomenos no que pensase en deixalo todo. Iso seguro que non.

Tivo algunha vez problemas para chegar a fin de mes?
Eu empecei a traballar moi novo e cando empezas a vida é azarosa. Tiven momentos, cando empecei a exercer de abogado, que si. Logo vas avanzando, vas consolidando a túa situación e mellorando, pero ao empezar si que tiven.

Axudáronlle seus pais a mercar o seu primeiro piso?
Non, a mercalo non.

Que faría se lle tocase mañá o Euromillones e non tivese que volver traballar en toda a súa vida?
Eu creo que faría o mesmo que fago agora, sen dúbida [ri].

"A maior satisfacción política foi a rede de residencias de maiores de Lugo e a maior decepción, a lentitude da Xustiza"

Se puidese borrar unha soa cousa do seu currículo, que eliminaría? E se puidese engadir unha, que engadiría?
Nin quito nin poño! A vida é así e tampouco a podes cambiar, porque eres ti mesmo e eres o resultado de como as cousas boas e malas che afectaron; tes que asumilas, incorpóranse a ti e eres o froito de todo iso, do bo e do malo. Podía dicir que quitaría as engurras, pero tamén son froito do paso do tempo [ri]. Así que penso que non, eu non quitaría nada.

Deus non o chamou a vostede polo camiño de…
Non son manitas! Para arranxar cousas da casa son torpe, a verdade. Deus non me chamou polo camiño da bricolaxe.

Que logro lle deu máis satisfacción?
No político diría que a rede de residencias da terceira idade de Lugo. No persoal, os fillos.

A súa maior decepción foi…
Eu creo que un pouco a lentitude da Xustiza. Foi unha decepción para min, a verdade.

A súa familia e amigos vétanlle a política como tema de conversación na casa?
Non, todo o contrario. Na miña casa desde pequeno falábase moito de política, así que agora hai barra libre para falar de política.

Cal é o seu principal defecto?
Son pouco tolerante con algunhas cousas, como a impuntualidade, que me pon nervioso. Recoñezo que non soporto estas faltas de respecto, e admito que quizais debera de ser un pouco máis tolerante. E tampouco soporto a maldade.

A que político doutro partido admira?
A min sempre me gustou moito, desde hai anos, porque agora xa está maior e non segue na política, [Federico] Mayor Zaragoza, que na súa etapa de política activa estivo maioritariamente na UCD. Era unha persoa que me gustaba moito; non sei se admiración é o termo adecuado, pero si que me gustaba porque era tolerante, aberto... Non confundilo con Mayor Oreja, eh! [ri].

Con que político doutro partido iría de cañas?
Unha vez coñecín a Eduardo Punset, centrista e catalanista, e creo que sería unha persoa coa que o pasaría ben tomando unhas cañas, pero desgrazadamente xa non é posible.

Non se pode mentir nunca agás cando...
Non se pode mentir nunca. Non hai xustificación para a mentira.

Cal foi o regalo máis caro que fixo e lle fixeron?
O máis caro que me fixeron si que o sei, porque foi unha Vespa. E que fixese eu, penso que foi un ordenador.

A quen lle conta os seus segredos?
Se son segredos, non se contan. Os segredos, segredos son.

Se puidese coñecer a alguén, vivo ou morto, a quen querería que lle presentasen?
Eu creo que a Nelson Mandela. E tamén a Marco Polo, porque de pequeño empecei a ler libros del e collín certa devosión. Non a atopariamos nunca en… Nun prostíbulo.

Que cousas o alporizan?
A maldade.

Comentarios