"O PP está tan nervioso co BNG que só lle falta dicir que almorzo nenos antes de saír da casa"

Disparada en todas as enquisas, Ana Pontón está convencida de que a partir do domingo será a primeira presidenta da Xunta. "Teño unha sensación como nunca tiven de que hai moitísimas ganas de cambio", afirma.
Ana Pontón. PEPE FERRÍN (AGN)
photo_camera Ana Pontón. PEPE FERRÍN (AGN)

Ou Pontón ou Rueda. A candidata do BNG está convencida de que non hai outra alternativa nas eleccións do domingo, polo que apela ao voto útil: que todo aquel que queira cambio colla a papeleta do BNG "para que non se perda ningún voto". A política de Sarria ve o PPdeG desesperado co crecemento do Bloque, "o partido de moda", e xa ten prioridades se chega á Xunta: un plan de rescate para a Atención Primaria.

Que sensacións lle está deixando a campaña electoral?
Pois está sendo unha campaña de ilusión, de notar moita forza, de sentir unha enorme alegría arredor do proxecto do BNG. Teño unha sensación como nunca tiven, de que hai moitísimas ganas de cambio, con milleiros de persoas ilusionadas con ese cambio e que están traballando como nunca para conseguilo.

Algunhas enquisas apuntan precisamente á posibilidade dese cambio na Xunta. Vese presidenta?
Eu estou convencida de que se todo o voto do cambio se une na papeleta do BNG haberá presidenta.

En todo caso, a maioría de sondeos no que coinciden tamén é en que Alfonso Rueda e o PPdeG manterían a súa maioría absoluta.
Os sondeos tamén dicían que Feijóo ía lograr a maioría con Vox e hoxe está sentado na oposición. O que din as enquisas nesta campaña é que temos unha opción real de cambio e eu o pulso que percibo na rúa apunta a que iso é imparable. E para que iso se produza hai dúas claves: unha é a mobilización de todas as persoas que queren deixar atrás 15 anos de goberno do PPdeG, que foron anos de retrocesos; e a outra é a concentración dese voto no BNG, para que non se perda ningún apoio. Se é así, o domingo teremos moitos motivos para sorrir, porque haberá un novo goberno que lle dea un novo impulso a este país.

Chámame a atención que o PP prometa agora en campaña xusto o contrario do que fixo nestes últimos quince anos

Por que se polarizou tanto a campaña electoral entre o Partido Popular e o Bloque?
Porque se ve que neste país hai dúas opcións: un goberno do PP esgotado e sen ideas que deixa unha Galiza peor; ou enfronte a xente ve que hai unha alternativa real que é o BNG, que está preparado para gobernar, que ten as ideas claras e que ademais ten a ilusión que necesita Galiza, porque este país precisa un goberno con ilusión que crea nel. E no Bloque imos sobrados diso! E eu teño a sensación de que isto foi o que detectou o Partido Popular, que leva toda a campaña atacando o BNG, froito dun nerviosismo como nunca se viu nas filas do PP. Todos estes días, en lugar de explicar o seu programa e a súa alternativa, deciden atacar o Bloque, porque saben que é a forza que representa o cambio en Galiza. Por iso eu animo a todas as persoas que queren un cambio a que collan a papeleta do BNG, independentemente do que votasen noutras ocasións. Hai moitas formas de sentirse galego e galega e todas teñen sitio.

Teme que o crecemento que lle auguran ao Bloque desangre o resto de socios da esquerda nas urnas?
Eu o que creo é que os galegos van a ter que decidir o domingo nas urnas o goberno que queren e será un puñado de votos o que determine se haberá un presidente que se apelida Rueda ou unha presidenta que se apelida Pontón. É clave que ningún voto quede na casa e que non se perda ningún voto, e é evidente que o BNG é quen representa o cambio útil para este país.

Xa que fala dun puñado de votos... Onde cre que estará entón a clave electoral o domingo?
Vaise xogar todo en que haxa unha mobilización de todas esas persoas que queren unha Galiza mellor, porque se toda a xente que quere cambio vota, o domingo haberá cambio. Todas as enquisas coinciden en que hai unha maioría que quere cambio.

Que mensaxe lle trasladaría aos galegos que seguen indecisos a poucos días das eleccións?
Pois que este é o momento para apostar por algo diferente e que se queremos resultados diferentes, non podemos apostar polo de sempre. E que pode haber máis novidoso que unha muller presidenta coas mans libres para defender este país!

Que é o que distingue o Bloque Nacionalista Galego do resto das forzas de esquerda?
Que nós temos a cabeza e o corazón en Galiza e que a min ninguén desde Madrid me vai poñer límites á hora de defender aos galegos e as galegas. E tamén que temos un proxecto pensado desde Galiza e para Galiza, traballado durante todos estes anos en colaboración con moi diferentes sectores sociais, así que creo que chegamos aquí cos deberes feitos. Ao longo destes catro anos como líder da oposición tiven a oportunidade de entrevistarme con todos os sectores económicos, de percorrer o país, de coñecer as inquedanzas deste pobo... E creo que ese traballo se ve reflectido nesta campaña, onde hai unha confianza en nós, ou alomenos así o reflicten as enquisas. E iso é froito de todo este traballo de anos, non dun proxecto de última hora.

Está sendo unha campaña con moitas promesas electorais. Cal destacaría de todas as que puxo o BNG enriba da mesa?
Nós temos un proxecto que imos explicando e no que a prioridade máxima é rescatar a sanidade pública, por iso me parece que é moi importante o plan de rescate da Atención Primaria. Conseguir que ao final da lexislatura se lle destine o 20% do orzamento e que vaiamos a un cambio de modelo que permita ter máis especialidades e no que se atendan as necesidades da saúde mental, que son moitas neste momento, a través da incorporación da Psicoloxía Clínica en Atención Primaria.

E que propostas lle gustan das presentadas por outros partidos?
O que me chama a atención diso é que agora o PP promete xusto o contrario do que fixo durante estes 15 anos e mesmo a última hora se apunta a propostas contra as que votou na pasada lexislatura. Dámoslle a benvida ao Partido Popular na defensa da gratuidade das matrículas universitarias; lástima que perdese 15 anos para aplicalo e que o faga simplemente porque ve perigar a súa maioría absoluta e está intentando mantela desesperadamente.

Non son de apostas nin de facer porras, pero estou segura de que imos ter un resultado histórico este domingo

Cal será a súa primeira medida se preside a Xunta?
Ademais dese plan de rescate de Atención Primaria, no primeiro Consello da Xunta imos aprobar a gratuidade dos libros de texto e incrementar os recursos para o servizo de axuda no fogar (SAF), porque hai milleiros de persoas que precisan máis atención, e tamén temos que traballar para que as que nos coidan teñan mellores condicións laborais.

Por certo, xa pensou que fará se a partir do domingo non preside a Xunta?
Estou convencida de que a partir do domingo vai haber unha presidenta da Xunta.

O PP acúsaos de levar no programa electoral e de querer ocultalo tanto a imposición do galego como o independentismo de Galiza. É certo?
O Partido Popular está desesperado nesta campaña, atacando por terra, mar e aire ao BNG. Eu estou agardando xa que anuncien calquera día que Ana Pontón almorza nenos e nenas na súa casa antes de saír. Vemos o seu nerviosismo porque saben que son parte do pasado e que hai unha onda de cambio, de ilusión e de ganas de gañar un futuro mellor para Galiza que é imparable.

Móllese para o domingo. Cantos escanos sacará o BNG?
Quen o ten que dicir son os galegos e as galegas. Eu non son de apostar nin de facer porras, pero estou segura de que imos ter un resultado histórico o 18 de febreiro e que faremos historia para que haxa por primeira vez unha presidenta da Xunta e, para que teñamos todos un futuro mellor.

Campaña ► "Foi ilusionante estar con Beiras; reflicte a aposta total polo BNG"

Á candidata do BNG non parece importarlle o desembarco de líderes estatais na campaña galega. "Non necesitamos que desde Madrid nos veñan dicir que facer".

Ana Pontón estudou Políticas na USC. PEPE FERRÍN (AGN)
Ana Pontón estudou Políticas na USC. PEPE FERRÍN (AGN)

A campaña do BNG está colleitando moitos eloxios, incluso lonxe de Galiza, por ser fresca, novidosa e incluso un tanto rompedora. Séntese vostede a política de moda neste momento España?
Eu creo que o BNG está de moda. Hai moita xente hoxe mirando para nós porque saben que somos a esperanza do cambio. Así que estou segura de que se empurramos nestes días que quedan, se empurramos forte, ese cambio na Xunta vai ser imparable.

Nesta campaña volveu compartir escena con Xosé Manuel Beiras. Como foi a experiencia logo de tantos anos de distanciamento político? Tivo unha sensación rara?
Foi bonito e foi ilusionante. Ademais penso que é un símbolo de como estamos neste momento, no que é necesario apostar todo ao BNG. Eu insisto en que é clave que todo o voto do cambio se una no Bloque porque é a única garantía para que o Partido Popular non teña maioría absoluta.

Vostede non ten un Sánchez, un Feijóo, unha Yolanda Díaz, nin ten ministros que lle veñan botar unha man na campaña.
Eu síntome moi acompañada cos galegos e coas galegas e no Bloque non necesitamos que desde Madrid nos veñan dicir que é o que temos que facer nesta campaña.

Test ► "Quedoume a espiña de non rematar unha segunda carreira"

Cal foi o peor momento da súa vida política ata agora, un no que pensase en deixalo todo?
Eu penso que vou estar en política sempre, aínda que iso non quere dicir que vaia estar necesariamente na vida institucional. E aínda que houbo momentos difíciles, nunca pensei en tirar a toalla. Si puido haber unha etapa na que reflexionei sobre se quería recuperar a miña vida persoal e profesional, pero estou contenta do paso dado para poñerme á fronte do BNG nun momento que era complicado.

Tivo algunha vez problemas para chegar a fin de mes?
Moitas veces! Sobre todo na miña etapa de estudante, onde o máis habitual era non chegar nunca a fin de mes.

Axudáronlle seus pais a mercar o seu primeiro piso?
Ben, eu aínda estou pagando a miña única vivenda, teño parte da hipoteca por amortizar. Os pais sempre fan un cariño, pero o certo é que os cartos para a entrada tíñaos aforrados eu.

Que faría se lle tocase mañá o Euromillones e non tivese que volver traballar en toda a súa vida?
Pois mira, é imposible que me toque o Euromillones porque non xogo nunca nada a xogos de azar. Pero o que teño claro é que sempre seguiría traballando e activa. Paréceme que é unha parte fundamental da vida.

Se puidese borrar ou engadir unha única cousa no seu currículo, cal sería?
Non borraría nada; sempre son das que digo que é mellor arrepentirse de algo que fixeches que de algo que non fixeches. Aínda que teño certa espiña cravada de non rematar unha segunda carreira universitaria... Gustaríame, pero xa non me daba a vida!

Deus non o a chamou a vostede polo camiño de…
[ri] Das matemáticas.

Que logro lle deu máis satisfacción na vida política e persoal?
Penso que ese aínda está por vir e vai ser o 18 de febreiro.

A súa maior decepción foi…
Pois a miña maior decepción foi descubrir que alguén que pensabas que era teu amigo e crías que era unha persoa honesta de súpeto te engana. Esa é a maior decepción da miña vida, porque eu son de confiar na xente e cando me traizoan, dóeme moito.

A súa familia e amigos vétanlle a política como tema de conversa?
Que va! Eu teño o problema á inversa: eu coa miña familia e cos meus amigos procuro non falar nada de política, pero non me deixan escapar. A min pásame xusto ao revés.

O regalo máis valioso son os debuxos que me fai Icía, a miña filla, que como estes días non me ve debúxaos e déixamos alí

Cal é o seu principal defecto?
Son demasiado esixente.

A que político doutro partido admira?
Admiro moito a Pepe Mújica. Fíxome moita ilusión a súa implicación nesta campaña.

Con que político doutro partido iría de cañas?
Eu iría de viños, iso o primeiro, porque son máis de viño que de cañas, pero penso que invitaría a Irene Montero.

Non se pode mentir nunca agás cando...
A primeira vez que vin a Santiago de Compostela ao 25 de xullo ao Día da Patria foi sen que meus pais o souberan. Aí conteilles unha pequena mentirijilla.

Cal foi o regalo máis caro que fixo e lle fixeron?
O regalo máis caro que fixen debeu ser na voda de meu irmán, porque xa se sabe que nas vodas hai que ser xeneroso e coa familia máis. Pero tampouco son moito de regalos caros nin me fan a min regalos caros. Para min o regalo máis valioso son os debuxos que me pinta estes días Icía, a miña filla, que como non me ve, déixame debuxos e eses para min son os máis valiosos.

A quen lle conta os seus segredos?
Teño varias confidentes, tanto amigas como a miña irmá.

Se puidese coñecer a alguén, vivo ou morto, a quen querería que lle presentasen?
Gustaríame coñecer a Nelson Maldela.

Non a atoparemos nunca en…
Na crispación.

Que cousas a alporizan?
Que se lle falte ao respecto aos demais. A soberbia e algo que non me gusta nada.

Comentarios