O primeiro verán pospandemia pon fin a dous anos de restricións derivadas da crise sanitaria do coronavirus e abre as portas a recuperar a normalidade precovid, o que se está a traducir nunha explosión de actividade relacionada coas vacacións: récord de peregrinos e turistas, volta das reservas ás axencias de viaxes, hoteis e restaurantes cheos... Un frenesí estival que, no entanto, debe ir acompañado sempre de responsabilidade e "sentidiño".
Por unha banda, no eido sanitario, onde a pandemia aínda axexa e obriga a non baixar a garda. E polo outro, no ambiental, nun verán onde os efectos do cambio climático están amosándose especialmente virulentos con Galicia en forma de seca, ondas de calor e agora tamén lumes forestais.
Por esa razón, e como é habitual en determinadas datas sinaladas no calendario anual, a Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama) chama a esa responsabilidade tanto individual como colectiva paraque estas vacacións sexan verdadeiramente sostibles e permitan que, ademais de darlle un respiro aos cidadáns, llo dean tamén ao planeta.
Os pequenos xestos do día a día deben manterse no verán, especialmente neste marcado pola seca, a onda de calor e os incendios
E para iso, a sociedade ambiental ofrece unha serie de recomendacións que contribuirán a gozar dunhas vacacións máis verdes. Unha parte deles baséase en non esquecer as actitudes e xestos individuais que se manteñen o resto do ano polo feito de estar de vacacións, mentres que outros son consellos específicos da época.
En vacacións
Dentro deste segundo grupo está todo o relacionado coas vacacións. Cada vez que se fai unha viaxe, sexa cerca ou lonxe, é fundamental a súa planificación, tanto material como económica e informarse sobre o destino, porque evita sustos. Trátase por exemplo de saber onde comer, onde mercar, coñecer os mapas do transporte...
Ademais, dentro dese labor de información sobre o destino tamén é bo coñecer as restricións que pode haber en determinados lugares de gran valor ambiental, co fin de non causarlles danos.
Outro xesto que está nas mans de cada quen é o de elixir aqueles aloxamentos que son sostibles, que cada vez son máis. Sexa un hotel, un cámping, un hostal ou unha pensión, hai que empezar a guiarse polo compromiso ambiental do establecemento máis que pola categoría ou as estrelas.
Todo o ano
Ademais desas prácticas específicas das vacacións, existen moitas outras recomendacións que Sogama adoita facer ao longo do ano e que tamén son facilmente adaptables á vida do verán. Como por exemplo usar o transporte público e priorizalo sobre o coche; ou desprazarse camiñando ou en bicicleta, xa que ao tempo que se reducen emisións faise exercicio. E se a mobilidade ten que ser en coche á forza, pois apostar por híbridos e eléctricos.
Tamén cobra importancia o aforro de auga —en plena seca— e o de enerxía, por exemplo reutilizando as toallas de hotel ou non abusando do aire acondicionado.
E tanto á hora de comer como á de mercar, débese apostar sempre polo local e polos produtos de tempada: máis ricos e saudables.
Toda a información acerca desta e outras campañas da sociedade ambiental de Galicia pode atoparse na páxina web sogama.gal