En Marea, un partido pioneiro... en canto a denuncias ante Protección de Datos

É o primeiro partido que leva unha suposta intrusión irregular no censo á AEPD logo da entrada en vigor en maio da nova normativa

Luís Villares y David Bruzos. PEPE FERRÍN
photo_camera Luís Villares y David Bruzos. PEPE FERRÍN

A denuncia presentada pola coordinadora de En Marea sobre a suposta intrusión irregular de persoas non autorizadas no censo do partido instrumental é a primeira relacionada con organizacións políticas que recibe a Axencia Española de Protección de Datos

Coa entrada en vigor a nivel europeo o pasado mes de maio do Regulamento Xeral de Protección de Datos (RGPD), calquera brecha de seguridade nunha base de datos debe ser notificada á axencia, á que corresponde dilucidar nun prazo máximo de 12 meses se se arquivan as actuacións ou se inicia un procedemento sancionador. 

Se a axencia determina a apertura dun procedemento sancionador, este debe ser resolto nun período de nove meses desde acordo de inicio do expediente. 

Segundo fontes consultadas por Europa Press, a AEPD recibiu a notificación da fenda de seguridade acontecida en En Marea de mans do seu representante legal ante o órgano, Gonzalo Rodríguez, que á súa vez informou que as auditorías encargadas pola dirección para coñecer a orixe dos accesos "non autorizados" tamén foron trasladadas á AEPD. 

Así as cousas, a AEPD, que ten potestade para sancionar economicamente ao infractor do Regulamento de Protección de Datos, podería tardar ata máis dun ano e medio en resolver a suposta violación das condicións de acceso e consulta do rexistro de inscritos en En Marea cometida, segundo sostén a dirección, por tres membros do Comité Electoral. 

Entre tres meses e dous anos de presión por entrar no censo
Ademais, a coordinadora presentará ante Fiscalía unha denuncia estas tres persoas (Martinho Ramos, Raquel Bernárdez e Pablo Neves), que foron seleccionadas polo comité para responsabilizarse da xestión do censo electoral. 

No caso de que o Ministerio Público admita a trámite a denuncia e esta sexa trasladada a un xulgado, os feitos descritos pola dirección do partido poderían ser constitutivos dunha infracción do artigo 197 bis do Código Penal, relativo aos delitos contra a intimidade das persoas a través de medios informáticos. 

Este punto establece que se enfrontará a penas de entre tres meses e dous anos de prisión ou multa de tres a 12 meses aquela persoa que "mediante a utilización de artificios ou instrumentos técnicos, e sen estar debidamente autorizado, intercepte transmisións non públicas de datos informáticos que se produzan desde, cara a ou dentro dun sistema de información". 

 

Gómez-Reino ve "indignante" a paralización das primarias
O secretario xeral de Podemos Galicia e portavoz de En Marea no Congreso, Antón Gómez-Reino, tachou este xoves de "indignante" a postura da coordinadora de Luís Villares, paralizando as eleccións primarias de En Marea porque "é evidente que non quere que se vote".

Nunha entrevista na Radio Galega, Gómez-Reino, próximo á candidatura de David Bruzos, insistiu en que a "coordinadora política de En Marea ten que asumir responsabilidades" por meter ao partido instrumental "nesta situación indignante e intolerable". Ao seu xuízo, a actual deriva de En Marea coa posibilidade de que o proceso electoral acabe na xustiza "dificilmente sostense" porque é un "absoluto sinsentido".

Comentarios