¿Que queda do 15-M tras sete anos?

O actual mapa político é unha herdanza do maior movemento social vivido na España posfranquista, cuxo espírito pervive hoxe na sociedade

Movemento do 15-M en Lugo. EP
photo_camera Movemento do 15-M en Lugo. EP

O movemento de indignados do 15-M foi o acontecemento político máis importante no noso país desde a Transición, con permiso do recente desafío soberanista catalán. A súa repercusión hoxe, cando se cumpren sete anos daquela acampada de 28 días na Porta do Sol de Madrid que deu a volta ao mundo, é innegable. De feito, España xestiónase cun mapa político que é herdanza directa daquela revolución e o espírito rebelde que saíu entón ás rúas pervive na sociedade.

O selo desa indignación chéirase a quilómetros nas históricas marchas feministras do 8-M ou do movemento contra a sentenza da Manda. E tamén nos pensionistas, moitos dos cales aparcaron a súa vergoña para saír por primeira vez na súa vida á rúa, como fixeran miles de mozos e maiores hai hoxe sete anos.

Pero máis aló de calquera consideración de tipo social ou económico, a verdadeira revolución que representou o 15-M deuse no plano político. E non tanto pola irrupción de novas siglas, novas formas de relacionarse cos electores ou novos modelos de xestión, senón sobre todo porque tras anos de crises e divorcio entre sociedade e políticos, varias xeracións de mozos achegáronse de novo a unha actividade que ata entón consideraban —erroneamente— allea a eles.

"O máis importante do 15-M foi espertar en moitas conciencias a vida política", resume Luís Villares, portavoz de En Marea. "Os recortes de dereitos e esa sensación de estafa levou á indignación e deu lugar a esa forma de expresarse; para moita xente era a primeira vez na súa vida que protagonizaba un xesto político así", precisa.

Aínda que hai moitos analistas que cren que Podemos e os seus movementos afíns non son a translación do 15-M á política, senón que a formación de Pablo Iglesias tan só tratou de capitalizar e apropiarse do movemento e a súa influencia con fins electorais, Villares entende que En Marea si é "herdeira" daqueles días. Aínda que cun matiz: Galicia xa tiña certa experiencia na materia desde a crise do Prestige, en 2002. "O 15-M ten expresións previas aquí, porque a sensación de orfandade e abandono do público que houbo co Prestige obrigou a saír á rúa para facer o que outros non ían facer e a capacidade de autoorganización de Nunca Máis é comparable" á dos indignados, recorda. Unhas vimbias que tamén viu, aínda que a menor escala, nos lumes de outubro.

Sexa ou non herdanza directa do 15- M, a irrupción de Podemos, igual que a de Ciudadanos, si derivou desa perda de medo da sociedade a esixir máis aos representantes públicos. "O 15-M recolleu o espírito de desafección política e descontento social e levou a unha nova fase coa aparición das forzas emerxentes", que con todo non conseguiron o seu obxectivo de liderar a política española.

Quen reflexiona así é Gonzalo Caballero, novo líder do PSdeG, que cre a pesar de todo que a súa formación si entendeu "a sensibilidade" do movemento de indignación. Nese contexto, combinou a "experiencia e rigor" dun partido de goberno como o PSOE "cos mecanismos de apertura e participación que se teñen implementado", explicou, en referencia ás primarias e outros pasos que esixía a rúa á política tradicional.

Desde o nacionalismo, con todo, sempre miraron o 15-M con receo. Así, ao mesmo tempo que avalan a súa esencia e filosofía tratan de canalizar esa indignación, ou polo menos parte dela, cara aos seus propios obxectivos; no caso catalán, a independencia, e no galego, a recuperación da base electoral perdida.

E onde o teñen máis claro é, sen dúbida, no PPdeG, cuxa visión do 15-M é diametralmente oposta. "Xorde polo desencanto cunha esquerda que languidecía con aquel Goberno de Zapatero", explica Miguel Tellado. "Houbo xente que, aproveitando ese malesetar nas bases do PSOE, atoparon a forma de beneficiarse montando un conglomerado de partidos que son Podemos e as mareas". Así que o que queda hoxe do 15-M "é un soldazo para Pablo Iglesias e un gran problema para o PSOE, xa que non compite co PP por ser primeira forza, senón con Podemos por liderar a esquerda".

E así como todos teñen máis ou menos claro que a día de hoxe sería case irrepetible un fenómeno similar, non acaban de saber se o 15-M triunfou ou fracasou. A súa gran vitoria é que a súa esencia sobrevive; e a súa derrota, que o bipartidismo, puro ou disfrazado (C's), tamén.

Comentarios