Os actores galegos, "decepcionados" co plan de reactivación da cultura presentado pola Xunta

A AAAG considera que a folla de ruta trazada por Cultura "carece de concreción, presenta programas baleiros de contidos, disfraza convocatorias habituais de medidas novas e obvia a vulnerabilidade e a seguridade sanitaria de traballadores"
Artes escénicas. ARCHIVO
photo_camera Artes escénicas. ARCHIVO

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), que reúne a gran parte da profesión da interpretación e da dirección de escena, amosou a súa decepción tras a presentación por parte da Xunta do Plan de Reactivación fronte aos efectos derivados da covid-19.

"A falta de concreción de prazos e contías, a escasa claridade orzamentaria, a presentación de programas baleiros de contido ou o disfrace de convocatorias pendentes e habituais como propostas novas e incentivadoras son as características deste plan, que achega unha resposta claramente insatisfactoria para as urxentes necesidades da cultura", indica á AAAG nun comunicado, no que engade que o Goberno galego "esquece ademais que o sector non está formado unicamente por empresas, senón que se compón na súa meirande parte por traballadores e traballadoras".

"UN PLAN IRREALIZABLE". A AAAG subliña que este plan "pode resultar irrealizable por se enfiar en grande medida ao Xacobeo e aos circuítos de distribución de espectáculos, canles que están sometidas á incerteza da pandemia". Neste senso, poñen como exemplo que inclúe como grandes medidas "a flexibilidade na programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios ou o incremento de fondos no programa Cultura no Camiño".

"En primeiro lugar, en ambos circuítos de distribución a contratación de espectáculos depende dos concellos, sen garantía nin obrigatoriedade de programar por parte destes, polo que o investimento que a Xunta anuncia non se corresponde á certeza. En segundo lugar, o plan non contempla unha grave situación: que se volva producir un rebrote da enfermidade coa conseguinte suspensión xeneralizada de funcións", argumentan.

SAÚDE DOS TRABALLADORES. Tamén lamentan que non se estableza "ningún tipo de cuestionamento nin protocolo para a segura reincorporación" aos escenarios dos actores. Neste senso, recordan que a súa actividade laboral "dificulta enormemente" a aplicación tanto en teatros coma en rodaxes das medidas sanitarias fundamentais, como o distanciamento e o emprego de equipos de protección individual.

Por todo iso, desde a AAAG ven "con preocupación a escasa consideración coa vulnerabilidade de actores e actrices (tamén bailaríns e bailarinas) á hora de retomar o seu traballo".

A asociación de actores tamén lamenta que non se teña en conta a "desprotección social" do colectivo en caso dunha nova suspensión xeral das programacións, co que se obvia "a fraxilidade do emprego cultural". Por iso considera o plan "insuficiente" e "negacionista" coa "nova realidade" que lle tocará vivir ao sector. 

A AAAG lamenta outras cuestións como que axudas como as das producións audiovisuais xa foran "convocadas antes do estado de alerta" e agora se lanzan "novamente" coas mesmas partidas, ou a inclusión no plan dos premios de textos dramáticos creados no 1988 e que a Agadic convoca de forma bienal dende 2014. Ademais, critica que a Consellería "obvia" ámbitos do sector escénico como as salas privadas ou a danza. 

Por todo isto, considera o plan "inconsistente" e que "non cumpre" coas necesidades do sector, de forma que reclama que se reformule de forma consensuada.

Comentarios