
O equipo atópase en postos de descenso e é o máis goleado da liga española
O 5-0 encaixado polo RC Deportivo este venres trouxo consigo a peor das noticias para a súa ata agora adestrador, Cristóbal Parralo. Segundo diversos medios deportivos a directiva encabezada por Tino Fernández dixo basta e xa busca un técnico que substitúa ao cordobés.
O propio Parralo afirmara na rolda de prensa posterior ao encontro, en referencia á súa situación, que non lle correspondía a el analizar o seu futuro, senón "ao Consello e ao presidente, que son os que toman a decisión" dunha posible destitución.
O técnico, visiblemente afectado tras o desastre de Anoeta, rexeitou cualificar a actuación do equipo como "vergoñosa" pero si recoñeceu que era "imposible facelo peor".
Un pensamento compartido sen dúbida pola directiva branquiazul, que xa peitea o mercado en busca do substituto ideal. Segundo Marca o exrealista Martin Lasarte, que soou varias veces para facerse cargo do Deportivo, podería ser o elixido, aínda que a lista de nomes crecerá nos próximos días.
O Dépor atópase en postos de descenso e é o conxunto máis goleado da liga española.