martes. 07.04.2020 |
El tiempo
martes. 07.04.2020
El tiempo

Morre o piloto portugués Paulo Gonçalves durante a sétima etapa do Dakar

O portugués Paulo Gonçalves, nunha das etapas deste Dakar. ANDRE PAIN (EFE)
O portugués Paulo Gonçalves, nunha das etapas deste Dakar. ANDRE PAIN (EFE)
O home, de 40 anos, participaba por décimo terceira vez no rally máis duro do mundo

O piloto portugués Paulo Gonçalves faleceu este domingo durante a sétima etapa do rally Dakar, segundo informou a organización do rally.

Gonçalves, de 40 anos, sufriu un accidente á altura aproximadamente do quilómetro 263 da etapa entre Riad e Wadi Al Dawasir (Arabia Saudita), que tiña o tramo cronometrado máis longo de todo o rally, cun total de 546 quilómetros de competición.

O portugués participaba por décimo terceira vez no rally máis duro do mundo, e por primeira vez facíao coa marca india de motos Hero, tras competir antes coa xaponesa Honda, coa que en 2015 quedou segundo do Dakar, o mellor resultado da súa carreira.

É a primeira morte dun participante do Dakar en cinco anos

O piloto estaba inconsciente e presentaba unha parada cardiorrespiratoria cando acudiu ao seu rescate un helicóptero da organización do Dakar.

Os médicos da carreira practicáronlle manobras de reanimación no mesmo lugar do accidente sen éxito, polo que foi o piloto luso foi trasladado ao hospital de Layla, dentro da rexión de Riad, onde se certificou o seu falecemento.

Un dos pilotos que se detivo a axudar ao motociclista accidentado foi o australiano Toby Price (KTM), último gañador do Dakar e terceiro na clasificación xeral da actual edición do rally.

Price atopábase entre os pilotos que ían marcando os mellores tempos do día nos primeiros sectores da etapa, pero optou por deterse ao atopar a Gonçalves tendido no camiño.

Ademais do segundo chanzo do podio do Dakar obtido en 2015, o piloto portugués finalizara o rally outras tres veces entre os dez primeiros.

É a primeira morte dun participante do Dakar en cinco anos, pois o rally non rexistraba ningunha vítima moral desde 2015, cando o motociclista polaco Michal Hernik faleceu por deshidratación.

O rally Dakar 2020 dispútase do 5 ao 17 de xaneiro con doce etapas e un percorrido de case 8.000 quilómetros, dos que máis de 5.000 son cronometrados, con saída en Yeda e final en Qiddiya, unha gran cidade de lecer que se constrúe nos arredores da capital, Riad.

A sétima etapa do rally tiña 546 quilómetros cronometrados e anticipábase unha ruta moi rápida entre vales de area e dunas rumbo ao Cuarto Baleiro, unha área de deserto de 650.000 quilómetros cadrados practicamente deshabitada.

Morre o piloto portugués Paulo Gonçalves durante a sétima etapa do...