O secretario de Estado de Hacienda, investigado por falsidade e malversación

José Enrique Fernández de Moya foi citado a declarar por contratos da época na que foi alcalde de Xaén

Fernández de Moya. TWITTER
photo_camera Fernández de Moya. TWITTER

O secretario de Estado de Hacienda, José Enrique Fernández de Moya, foi citado a declarar nun xulgado de Xaén como investigado polos delitos de prevaricación, malversación de caudais públicos e falsidade, por contratos da época na que foi alcalde da capital xienense.

Segundo informaron a Efe fontes do Tribunal Superior de Justicia de Andalucía (TSJA), a investigación xudicial iniciouse por mor dunha querela presentada polo Grupo Municipal Socialista do Concello de Xaén e foi incoada en decembro de 2017 no Xulgado de Instrución 2 desta cidade. Por este caso están investigadas catro persoas, entre elas o exalcalde, que foron citadas para declarar o próximo 5 de xuño.

Segundo adiantou este martes a Cadea Ser, os feitos investigados refírense á súa etapa como alcalde de Xaén, entre xuño de 2011 e novembro de 2015, cando presuntamente ordenou en contra dos informes do interventor varios pagos á empresa Matinsreg, encargada do mantemento das fontes ornamentais da cidade.

As dilixencias previas indican que supostamente se facturaban de forma falsa gran cantidade de horas de traballo non realizadas, de imposible execución co persoal da empresa, o que supuxo un custo para o Concello superior aos 3,6 millóns de euros.

Durante a investigación, segundo informou o TSJA, solicitouse documentación do Concello de Xaén, da Axencia Tributaria e un informe da Unidade de Delitos Económicos da Garda Civil. O xoves declararán cinco persoas en calidade de testemuñas, entre eles o actual interventor do Concello de Xaén.

Comentarios