domingo. 17.10.2021 |
El tiempo
domingo. 17.10.2021
El tiempo

O 2017 foi o terceiro ano máis cálido e o quinto máis seco en Galicia desde 1981

Escasez de agua en el río Parga. AEP
Escasez de agua en el río Parga. AEP

As choivas foron máis fortes pero escasas e bateuse a marca de raios caídos

O pasado 2017 foi un ano "extremadamente cálido" e "moi seco" marcado pola "inestabilidade" e os fenómenos metereolóxicos adversos en Galicia, segundo a valoración que fixo a secretaria xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, Cruz Ferreira, sobre os datos recollidos por Meteogalicia. 

Así, segundo asegurou, 2017 sitúase como o terceiro ano máis cálido en Galicia desde 1981, cunha temperatura media de 14,4 graos, igual que a de 2015 e tan só superada polas de 1997 e 2011. 

A temperatura máxima media foi tamén "especialmente cálida, a máis alta da serie histórica", posto que este valor superou en 1,3 graos á máxima habitual. Con respecto á temperatura media mínima, rexistrou tamén un aumento de 0,21 graos. 

En relación ás precipitacións, Ferreira sinalou que "choveu máis forte pero de forma pouco continuada", o que non significa que chovese máis, senón "de forma diferente". Así, o total das precipitacións sitúase nos 966 litros por metro cadrado, un valor un 24% menor ao habitual que fai de 2017 o quinto máis seco desde 1981.

XANEIRO "MÁIS SECO E FRÍO". Na valoración por meses, xaneiro estivo caracterizado por "certa estabilidade" caracterizada por máis días secos e fríos do normal que deixaron unha precipitación "moi escasa", un 62% debaixo da media habitual. 

Aínda que as borrascas de febreiro e a "variabilidade" de marzo deixaron, respectivamente, un 62% e un 19% de precipitacións superiores ao habitual, respectivamente, as temperaturas os definen como dous meses cálidos pero con "oscilacións moi elevadas". 

O mes de abril, contrario ao habitual, rexistrou "ceos despexados" e temperaturas "moi elevadas" que chegaron a superar os 30 graos, cunha media de 2,7 graos máis do normal. Ademais, tan só choveu unha media de 2,6 días, o que deixa un 83% menos de precipitacións con respecto a outros anos. 

Na mesma liña seguiron os primeiros días de maio, un mes que logo se caracterizou pola "alta variabilidade" con oscilacións "de até 10 graos" nas temperaturas do mesmo día ou dunha xornada a outra. Con todo, o total das precipitacións deixou 10,3 días de media de choiva, polo que foi un mes húmido.

UN VERÁN "CÁLIDO" PERO "INESTABLE". Os meses de verán estiveron marcados por ceos despexados e días cálidos. En concreto, xuño rexistrou temperaturas máximas que superaron os 40 graos e mínimas que non alcanzaron os 20, o que deixa un mes "moi cálido". 

En canto a xullo, Ferreira destacou que foi un mes de "cambios bruscos", xa que se deron varias alertas amarelas por borrascas nos primeiros días. Con todo, foi un mes seco, con precipitacións que se reduciron nun 42% do habitual. 

A "inestabilidade" marcou o mes de agosto, xa que, aínda que superou a temperatura media habitual e rexistrou un 20% menos de precipitacións, rexistrou mínimas "moi baixas". En concreto, en localidades do interior galego houbo días que os termómetros baixaron dos 0 graos, mentres que os días máis cálidos superaron os 40.

"ESCASEZA DE CHOIVAS" EN OUTUBRO. O mes de setembro caracterizouse por ser "o máis frío dos últimos 21 anos", cunha temperatura media que baixou 1 grao con respecto ao normal. Con todo, "especialmente anómalo" foi o mes de outubro, marcado por anticiclóns que deixaron "escaseza de choivas" e temperaturas superiores aos 30 graos. 

Neste sentido, Ferreira destacou como causa da vaga de incendios os ventos "fortes", o 30% menos de humidade do habitual e a temperatura "moi elevada", que deixou unha media de 2,4 graos do habitual e unhas precipitacións até uns 69% inferiores. 

Con respecto aos últimos meses do ano, de novembro destacou que "practicamente non choveu" pero foi "moi ventoso", mentres que de decembro subliñou as oscilacións entre anticiclóns e períodos de borrascas como Ana, os primeiros días do mes, ou Bruno, a partir do 26. Con todo, estes dous últimos foron meses "lixeiramente máis fríos do normal", manifestou Ferreira, cunha baixada da temperatura media de 0,4 graos.

CAMBIO CLIMÁTICO. Preguntada polos xornalistas sobre se estes datos de "inestabilidade" indican a incidencia do cambio climático en Galicia, Ferreira apuntou que, aínda que "ás veces non é correcto facer estas afirmacións" porque iso depende "doutras variables", o cambio climático "xa está na comunidade". 

Neste sentido, a secretaria xeral preferiu definir 2017 como un ano de "cambio de tendencia", marcado polo aumento de fenómenos adversos e das noites tropicais e un cambio na forma de chover. "Choveu moito máis forte pero non dunha maneira continuada", declarou á vez que subliñou o mes de abril como "moi atípico", xa que tan só choveu unha media de tres días no territorio galego.

ANO HISTÓRICO DE RAIOS. En canto ao informe de raios, Ferreira revelou que caeron en Galicia un total de 47.937, o que converte a 2017 no ano con máis número de raios desde que se empezou a realizar o estudo. 

En concreto, a secretaria xeral destacou o 26 de maio como día "histórico" no rexistro, posto que caeron 9.562 raios en territorio galego, un 20 por cento do total anual. 
 

O 2017 foi o terceiro ano máis cálido e o quinto máis seco en...
Comentarios