O 88% dos alumnos aproban a selectividade en Galicia

A porcentaxe de aprobados está un pouco por baixo da de anos anteriores
Alumnos nun dos exames da selectividade en Lugo. XESÚS PONTE
Alumnos nun dos exames da selectividade en Lugo. XESÚS PONTE

ABAU 2020 | Consulta aquí las notas de selectividad

O 87,96 por cento dos alumnos que se presentaron á selectividade este ano en Galicia aprobaron a proba, segundo informou a Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG) este xoves. En concreto, o organismo explicou que 12.497 alumnos realizaron os exames da parte obrigatoria da Avaliación do Bacharelado para o Acceso á Universidade (Abau) nesta convocatoria e que 10.992 resultaron aptos. 

A porcentaxe de aprobados está un pouco por baixo da de anos anteriores (o ano pasado foi do 91,46 por cento), algo que representantes da CIUG atribuíron a que se presentaron un maior número de estudantes porque tamén aprobaron o bacharelato máis persoas que outros anos. 

Os resultados dos exames déronse a coñecer este xoves con algo máis dunha hora de atraso (estaba previsto que se publicasen ás 20.00 horas) debido de que a aplicación Nerta da Consellería de Educación, a través da que o alumnado debía acceder para coñecer as súas notas, "colapsou", explicou a CIUG. 

O día 20 ábrese o prazo para a preinscrición nas carreiras que os alumnos desexan estudar

Este ano, agregou a comisión, houbo case 1.000 correctores que se ocuparon de revisar case 100.000 exames. A cantidade de persoas que trataban de acceder ao mesmo tempo á aplicación provocou o colapso do sistema, indicou. 

Até o día 21 ás 14,00 horas, os alumnos poden solicitar a revisión dos seus exames. Estas peticións resolveranse antes do día 23, cando se publicará a listaxe definitiva de notas. Ademais, o día 20 ábrese o prazo para a preinscrición nas carreiras que os alumnos desexan estudar, que deben rexistrar por orde de preferencia na súa solicitude até o día 28. 

En total, para esta selectividade marcada polo coronavirus e as medidas de seguridade e hixiene para evitar contaxios, estaban rexistradas 14.559 persoas, das que se presentaron finalmente 14.379, o 98,76 por cento. 

As cifras supuxeron un récord de matriculados, posto que para esta convocatoria había ao redor dun 26 por cento máis de alumnos rexistrados para a selectividade que hai un ano. 

As probas, que se adoitan realizar en xuño, pospuxéronse por mor da crise sanitaria derivada da Covid-19 e Galicia celebrounas o 7, 8 e 9 de xullo. Nos recintos que acolleron os exames aplicáronse medidas para evitar aglomeracións e para garantir a distancia interpersoal. 

Comentarios