O 90% dos alumnos aproba a Selectividade e poderá preinscribirse nas carreiras a partir do luns

Os estudantes que non estean conformes coa súa nota de acceso á universidade poderán reclamar a partir deste sábado

Estudantes, en Selectividade. SALVADOR SAS
photo_camera Estudantes, en Selectividade. SALVADOR SAS

Un total de 9.091 dos 10.024 estudantes -o 90,69%- que a semana pasada participaron na Avaliación do Bacharelato para ou Acceso á Universidade (Abau) aprobaron, segundo deu a coñecer este venres a Comisión Interuniversitaria de Galicia (CiUG). Así, dos 11.443 alumnos que se matricularon nas probas, tan só 89 non a realizaron finalmente, de modo que a asistencia ás probas se situou no 99,22% do total.

Os aspirantes coñeceron este venres a súa nota de acceso á educación superior, coa que competirán por unha das 11.519 prazas que o Sistema Universitario de Galicia (SUG) convoca para o curso 2018/19: 4.505 na Universidade de Santiago de Compostela (USC), 3.810 na Universidade de Vigo (UVigo) e 3.204 na Universidade da Coruña (UDC).

No entanto, as notas que a CiUG publicou este venres non serán definitivas até o próximo 4 de xullo, xa que este sábado abrirase o prazo para que os alumnos realicen as reclamacións que consideren se non están conformes coa nota dalgún dos exames.

PREINSCRICIÓN E MATRÍCULA. Así mesmo, a preinscrición nos graos universitarios poderase realizar a partir deste luns, día a partir do que cada alumno poderá rexistrar na aplicación web Nerta un ránking de cinco carreiras que máis lles gustaría cursar. Este prazo pecharase o día 3 de xullo.

Seguidamente, o día 16 dese mesmo mes darase a coñecer a primeira listaxe de alumnos admitidos nos graos que eles mesmos seleccionaron como preferentes. No momento no que a aplicación convoque ao estudante, este poderá realizar a matrícula no primeiro prazo entre os días 17 e 19 de xullo.

En cambio, se o alumno non é convocado o día 16, terá a opción de esperar á publicación de até outras seis listas de admitidos e prazos de matrícula, polo que podería ser que até o mes de outubro non coñecese de forma definitiva o grao universitario ao que pode acceder.

MÉTODO DE CUALIFICACIÓN. A nota de acceso á universidade, como todos os anos, mídese entre 0 e 14 puntos. Deles, 10 puntos constan de dúas notas: o 60% -é dicir, até 6 puntos- sae da cualificación media obtida nos dous cursos de bacharelato.

O outro 40% -até 4 puntos- é o resultado da media das probas da fase xeral da Abau, que está constituída polas materias troncales -historia de España, lingua castelá, galega e primeira lingua estranxeira-, ademais dunha das de modalidade que o alumno prefira.

Os 4 puntos a maiores, cos que se sumará o máximo de 14, saen da fase específica, na que cada alumno se puido matricular de tantas materias da súa especialidade como considerase. No entanto, soamente conta a nota de dous dos exames, de modo que suman até dous puntos cada un.

Comentarios