Absolto o acusado de agredir sexualmente a sobriña da súa parella en Oza-Cesuras

Non se considera "acreditado" que realizase tocamentos á menor nin que exhibise material pornográfico á súa irmá 
Audiencia Provincial de A Coruña. AEP
photo_camera Audiencia Provincial da Coruña. AEP

A sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña absolveu un home dos delitos de abuso sexual, agresión sexual, exhibicionismo e provocación sexual a menores, segundo a sentenza emitida por este tribunal. O fallo apoia a petición de absolución da defensa, exercida polo penalista Rubén Veiga e desestima as condenas que solicitaban tanto a Fiscalía como a acusación particular, con penas que sumaban 19 anos, nun caso, e 19 anos e 10 meses de prisión, noutro. 

A sentenza non considera "acreditados" os feitos polos que foi acusado e que, segundo a denuncia —presentada en 2014 pola nai das entón menores— producíronse nunha vivenda do municipio de Oza-Cesuras tras iniciar o home unha relación coa irmá da denunciante. 

A sentenza considera que non consta "acreditado" que, "aproveitando" a estancia das menores na vivenda, durante algúns períodos de tempo, cometera os feitos que se lle imputaban. Entre outras cuestións, o fallo alude á "falta de concreción nos feitos relatados". 

"Non existen corroboracións periféricas consistentes do relato do sucedido", sinala en relación á versión dada por uns feitos que as denunciantes situaban no verán do ano 2005 ou 2006. No caso dunha das menores, a Audiencia da Coruña non ve "acreditado" que o acusado lle realizase "tocamentos de natureza sexual, nin que intentase penetrala vaxinalmente". 

No caso da outra irmá, sostén que tampouco "consta suficientemente acreditado que, durante o ano 2013" o home lle mostrase "nun computador, e de xeito intencionado, películas e material de contido pornográfico". 

Comentarios