Un accidente en Cangas e un atropelo en Nigrán sáldanse con dúas persoas feridas

As dúas vítimas foron asistidas polos servizos de emerxencias

Preto das 14.30 horas da tarde deste domingo, os servizos sanitarios tiveron que intervir nun sinistro rexistrado na Avenida de Vigo da localidade pontevedresa de Cangas, á altura da rotonda do porto.

Segundo a información facilitada ao 112 Galicia, unha motocicleta chocou contra un coche. Como consecuencia do impacto, o motorista quedou ferido, polo que tiveron que acudir os Bombeiros do Morrazo, a Policía Local e Protección Civil de Cangas. Ademáis, dos profesionais do 061-Urxencias Sanitarias para a atención e traslado da persoa.

ATROPELO EN NIGRÁN. Tamén este domingo, pasadas as 14.00 horas, unha persoa particular informaba ao Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia dun atropelo a unha persoa na Avenida do Val Miñor, no termo municipal de Nigrán.

Ata o punto desprazáronse, tras ser alertados polo 112 Galicia, persoal do 061-Urxencias Sanitarias e axentes da Policía Local de Nigrán. Ademais, informouse aos membros GES de Val Miñor.