jueves. 22.08.2019 |
El tiempo
jueves. 22.08.2019
El tiempo

O accidente de tren do Porriño debeuse a un descoido do maquinista

Varios operarios junto al tren que descarriló en O Porriño. ARCHIVO
Varios operarios junto al tren que descarriló en O Porriño. ARCHIVO

O Semaf lamenta, tras o informe da CIAF, que se volva a pór o foco sobre o condutor

O Sindicato Español de Maquinistas e Axudantes Ferroviarios (Semaf) lamentou que o informe da Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) volva pór o foco "só" no condutor do tren, na súa investigación do sinistro do tren Celta que descarrilou no Porriño en setembro de 2016. Este mesmo organismo tamén atribuíu a un descoido do maquinista o accidente de Angrois.

Así o trasladou o secretario xeral do Semaf, Jesús García Fraile, en declaracións a Europa Press, nas que sinalou que, a falta de analizar en profundidade o informe da CIAF, "outra vez" vólvese sinalar a un "culpable", neste caso o maquinista do convoi –que faleceu no accidente–. 

No seu informe, a comisión de investigación apunta a un descoido deste maquinista, operario de Comboios de Portugal, como causa máis verosímil do descarrilamento do tren –que causou 4 mortos e case medio centenar de feridos–. A ese respecto, os técnicos apuntan que as condicións da vía eran boas, e que non houbo problemas na sinalización nin nos freos. 

Jesús García recordou que a finalidade das investigacións de accidentes ferroviarios debe ser, sobre todo, a toma de medidas para que non se volven a repetir, e "non unicamente buscar a un culpable, que é o que se fai neste país". "O de que haxa un culpable é moi relativo, porque normalmente estes accidentes son resultado dunha suma de causas", incidiu. 

A ese respecto, recordou que, na liña onde se produciu o accidente do Porriño, fixéronse uns cambios de vía para facer unhas comprobacións técnicas, polo que o convoi non circulaba pola vía habitual. Nese sentido, aventurou que "puido non haber unha comunicación adecuada dese feito excepcional", ou incluso que esa comunicación non fose eficaz por problemas "idiomáticos". 

Por outra banda, o responsable do Semaf cualificou como "adecuadas" as recomendacións que a CIAF recolle no seu informe –a colocación de dispositivos de gravación nas cabinas do tren, a realización das viaxes con dous maquinistas, ou a formación do persoal ante posibles situacións anómalas–, aínda que precisou que hai que ter en conta "se se dan as condicións técnicas e de persoal" para poder implementalas.

INFORME DA CIAF. A Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) determina, nun informe de máis de 400 páxinas, que o descarrilamento do Porriño se debeu á excesiva velocidade do convoi (118 km/h segundo o rexistrador) cando entraba nesa estación, e descarta anomalías tanto no material rodante, como nos sinais e balizas, ou na vía, cuxo estado era "aceptable". 

Así mesmo, apunta que a documentación do tren e as inspeccións técnicas cumprían a normativa, que os freos non fallaban e que a capacitación do maquinista e a súa experiencia eran as adecuadas. 

Con respecto a unha posible distracción do condutor do tren, a CIAF sinala que, "por algún motivo, o maquinista podería diminuír a súa atención, polo menos momentaneamente", xa que non cumprimentou a última dos sinais e ía a velocidade excesiva. 

"No entanto, as probas non resultan concluíntes, polo que só é posible especular coa posible distracción que se puidese producir, ou unha baixa atención debida a circunstancias que se descoñecen", precisa o informe. 

Nesa liña, a investigación tampouco descarta que se puidese producir un "exceso de confianza" que fixese baixar a alerta do maquinista que, aínda que coñecía o traxecto, levaba varias semanas sen realizalo por estar de vacacións. 

O accidente de tren do Porriño debeuse a un descoido do maquinista
Comentarios