Os agasallos que chegan ao Parlamento: dos palillos do Xapón aos vasos da Eurocopa 

De acordo coa normativa de transparencia, un informe recolle a listaxe dos obsequios que recibe a cámara, no que se apunta o nome dos seus promotores e cal foi o seu destino

 

O Parlamento de Galicia, durante un pleno. PEPE FERRÍN (AGN)
photo_camera O Parlamento de Galicia, durante un pleno. PEPE FERRÍN (AGN)

Caixas de produtos alimentarios cortesía doutros parlamentos autonómicos, de supermercados ou de Miguel Ángel Revilla, un estoxo cun punteiro láser, vasos da Eurocopa de 2012, un mantel de encaixe de Camariñas, uns palillos xaponeses, unhas bonecas chinesas, unha caixa de madeira con tapa de prata e esmalte cunha figura de anano en cores... O abanico dos agasallos que chegaron ao Pazo do Hórreo desde 2009 é amplo e variado. 

Así o certifica o informe de obsequios que, de acordo coa normativa de transparencia, ten o Parlamento de Galicia e no que detalla non só os agasallos, senón tamén os que foron os promotores e cal foi o seu destino. A maioría permanecen en sede parlamentaria, pero os produtos alimentarios, por exemplo, doáronse na súa totalidade a entidades benéficas

Unha análise dos obsequios recibidos na Cámara desde 2009 reflicte que, entre este exercicio e 2011, os agasallos foron menos desde a perspectiva cuantitativa e foron habituais as cestas con produtos alimentarios. 

Eran tempos da popular Pilar Rojo á fronte da Cámara autonómica e chegaron caixas con artigos de alimentación de Vicente Pascual, do Grupo Eroski, doutros parlamentos, de Miguel Ángel Revilla, e todos foron doados a cociñas económicas ou outras entidades benéficas. 

A partir de 2012, no rexistro de agasallos da Cámara deixan de aparecer as caixas de comestibles, pero, xunto cos libros e as figuras de cerámica de habitual intercambio en visitas e actos institucionais, cóase algún que outro obsequio máis rechamante. 

É o caso do seis vasos da Eurocopa 2012 que Mc Donald's enviou por correo á Cámara autonómica.

NA CAIXA FORTE. Os agasallos en anos sucesivos son variados, do mesmo xeito que o seu valor. Unha delegación de Indonesia en 2014, por exemplo, obsequiou á cámara cun chal de liño en cor rosa fucsia e cunha medalla, que está na vitrina de Presidencia, xunto con outras mostras de cortesía como un cristal do Parlamento de Quevec ou as 12 moedas do Consiglio Regionale della Normandía. 

En sede parlamentaria está tamén unha lata metálica de Leite Pascual, uns palillos de madeira xaponeses con gravado que trouxo o embaixador de Xapón, unhas bonecas chinesas en madeira e laca dunha visita posterior da Prefectura de Wakayama; ou un mantel de encaixe de Camariñas obsequiado nunha visita de representantes deste Concello ao Pazo do Hórreo. 

En 2015 son numerosos os agasallos recibidos –entre eles, varios libros– nunha viaxe oficial a Arxentina e Uruguai. Nesa visita, por exemplo, Rojo recibiu a medalla de ouro Lexislatura Cidade de Buenos Aires, que reside na caixa forte do Parlamento de Galicia.

MÉTOPA DA ESCOLA NAVAL MILITAR. Xa en 2017, co tamén popular Miguel Santalices á fronte da Cámara, o rexistro de agasallos fai constar entre outros, o obsequio dunha figura Meniña de Sargadelos en cores azul e branco, de Porcelana de Sargadelos. 

Desde o ano pasado, o Pazo do Hórreo alberga tamén en distintas localizacións unha métopa da Escola Naval Militar dedicada ao Parlamento de Galicia, un prato de cerámica de Sargadelos coa lenda Concello de Portas ou unha placa do Concello de Xinzo para o presidente da Cámara con motivo do Ano de Carlos Casares; así como unha lámina País das Letras da Mesa pola Normalización Lingüística. 

Comentarios