
O portavoz do BNG no municipio pontevedrés de Caldas de Reis, Manuel Fariña, foi agredido este xoves, segundo confirmaron a Efe fontes do partido.
Fariña, que está a ser atendido no hospital de Montecelo, presentará denuncia contra o seu agresor ante a Garda Civil cando abandone o centro sanitario.
Desde o BNG aseguran que o agresor do seu portavoz en Caldas é un empresario ao que Manuel Fariña denunciara como responsable dunha serie de verteduras ilegais nun monte da localidade.
A agresión produciuse despois de que o empresario fóra a casa do concelleiro para ensinarlle a zona de monte na que se rexistrou a vertedura, afirmando que o episodio fora resolto.
Ao constatar que a vertedura continuaba, o home alterouse e tras discutir con el agrediu a puñadas o edil do BNG e tirouno ao chan, segundo as fontes da formación política.
Foi o propio Manuel Fariña o que chamou aos servizos de urxencia, que o trasladaron en ambulancia ao hospital de Pontevedra para ser atendido das súas feridas.