Os alcaldes piden concreción e compromisos económicos no protocolo da Xunta para as eleccións

A Fegamp demanda unha reunión coa Xunta para que aclare aspectos como o persoal que velará polo cumprimento dos aforos 
Alberto Varela.DP
photo_camera Alberto Varela.DP

Os alcaldes galegos trasladaron que o protocolo elaborado pola Xunta para a organización da xornada electoral do 12 de xullo "deixa moitas cuestións no aire", tanto a nivel de seguridade sanitaria como de garantías democráticas, á vez que tamén botan en falta compromisos explícitos con que os custos das medidas extraordinarias que establece o dispositivo especial sexan sufragados pola Administración autonómica.

Así o trasladou este martes o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias e alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, ao termo da reunión telemática cos rexedores do sete grandes cidades galegas –Lugo, Ourense, Ferrol, A Coruña, Santiago, Pontevedra e Vigo– e os presidentes do catro deputacións provinciais –A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra–.

Nela abordouse o borrador do protocolo da Xunta para a celebración dunha xornada electoral que estará marcada polas medidas extraordinarias para previr posibles contagios de coronavirus. Un documento que foi presentado a pasada semana e que esperta dúbidas entre os rexedores tanto no plano económico como organizativo. 

"O protocolo deixa moitas cuestións no aire", sinalou Varela en declaracións aos medios após a reunión, na que se acordou solicitar un encontro coa Xunta para que clarifiquen aspectos como os métodos de control de aforamento dos colexios electorais e se estes necesitan algún tipo de adaptación para acoller o proceso segundo o establecido no documento elaborado pola Administración autonómica. 

"Precisamos máis certezas porque as administracións locais somos un colaborador necesario para o día das eleccións. Para poder garantir o papel que nos toca, que se desarollen as eleccións con normalidade democrática e garantir a saúde dos nosos cidadáns, necesitamos moitas aclaracións que até agora non están dadas", incidiu o rexedor arousán.

CONTROL DE AFORAMENTO E CUSTO 

Uno dos aspectos que preocupa aos concellos é como e con que persoal velarase polo cumprimento das medidas de aforamento nos colexios, onde tamén será necesario controlar que os votantes cumpran cos circuítos establecidos para evitar aglomeracións e asegurar que teñan a opción de exercer o seu voto en segredo a pesar da prohibición de que se instalen cabinas con cortinas. 

Outra das cuestións sobre as que demandan maior concrección por parte da Administración autonómica é nas características que han de cumprir os colexios e na forma na que se examinará o seu cumprimento antes do 12 de xullo. 

O apartado económico é outra das preocupacións dos rexedores, que lamentan que o protocolo non faga unha mención específica ao "compromiso" que, segundo Varela, asumiu a Xunta para a cobertura dos gastos de "todas" as medidas extraordinarias que implica a celebración destes comicios. 

"Descoñezo se hai unha partida orzamentaria, pero a realidade é que hai un compromiso por parte da Xunta de que todos os custos nestas eleccións polas medidas excepcionais que hai que adoptar íaas a asumir a comunidade autónoma", subliñou Alberto Varela, que lembra que, ademais de medidas sanitarias, "é necesario comprar mobiliario para gardar a distancia física ou mesmo a utilización de biombos". "É a Xunta quen ten que asumir este sobrecusto", apostilou. 

Así as cousas, incidiu na necesidade de velar tanto polas "garantías democráticas" como polas "sanitarias", polo que demandou que a Administración central convoque aos responsables locais para definir todas estas cuestións. 

Comentarios