Amancio Ortega, unha vida de película

A TVG emitiu este luns en 'prime time' un docu-filme sobre a vida do fundador de Inditex

Amancio Ortega. AEP
photo_camera Amancio Ortega. AEP

A TVG emitiu este luns un espazo dobre adicado ao fundador de Inditex, Amancio Ortega. ¿Quen é Amancio Ortega?, en formato documental, e O soño logrado, un filme entre a ficción e o documental no que se recrea a traxectoria vital do empresario, foron as dúas pezas emitidas pola canle pública sobre o fundador do xigante textil.

En ¿Quen é Amancio Ortega? repasáronse os fitos máis determinante da vida de Ortega. Segundo relataba a peza, con 12 anos Ortega "escoitou a un comerciante dicirlle á súa nai non lle podía fiar máis" e el "deixou os estudos e púxose a traballar nunha tenda de camisas". E así comezou a traxectoria laboral dun dos homes máis ricos do mundo.

Outro dos puntos nos que se detivo especialmente o documental foi no perfil baixo da imaxe de Ortega, que se mantivo case en segredo ata que en 1999 se publicaba a primeira foto oficial do empresario. A súa vida familiar e a traxectorias das fillas do empresario tamén tivo un lugar destacado na peza.

Baixo o guión e a dirección de José Ortuño e coas interpretacións de Fran Paredes, Juanma Lara, Mariana Gatell, Xabier Ortuzar, Tamara Canosa e Isabel Naveira, O soño logrado narraba a historia dunha empresa en dificultades que toma a Inditex como referente para saír adiante.

O filme intercalou ficción con testemuños reais de modelos como Eva González, xornalistas como Xabier Blanco, economistas como María Cadaval e outros estudosos do modelo de negocio de Inditex. O movie doc incluíu ademais, declaracións de clientes que relataban as súas experiecias como consumidores de textil do xigante de Arteixo e rematou falando do futuro de Inditex que, segundo os expertos, pasa por Pablo Isla, actual director do Grupo, e Marta Ortega, filla do fundador e herdeira do imperio.

Comentarios