viernes. 24.09.2021 |
El tiempo
viernes. 24.09.2021
El tiempo

Ana Pontón censura unha Constitución "que se usa como arma contra a diversidade"

Proc/JFIF/EFE-Calidad:Excelente
Ana Pontón, este domingo en Santiago, xunto a outros dirixentes do BNG. EUROPA PRESS
A líder frontista carga contra "o centralismo" que supón "un problema para o galegos" porque produce "asimetrías e desigualdades"

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reivindicou que a formación frontista non ve nada que celebrar nunha Constitución española que "se usa como arma contra a diversidade, os dereitos e a propia existencia de Galicia como nación".

Así se pronunciou no acto celebrado na mañá deste domingo polo Bloque no Panteón de Galegos Ilustres da igrexa de San Domingos de Bonaval, en Santiago de Compostela, onde Pontón estivo acompañada por membros da executiva da formación frontista, entre eles o deputado no Congreso Néstor Rego, que xa anunciara que non asistiría ao acto organizado na Cámara baixa con motivo do Día da Constitución.

"Nós hoxe celebramos a nosa vontade de existir, de ser, de estar no mundo desde nostors. A nosa vontade de construir a Galicia do futuro, unha Galicia máis forte que a de hoxe", expresou Pontón nun discurso no que cargou contra "os que hoxe veneran" a Constitución española porque son os que "queren seguir mantendo todo atado e ben atado".

Pontón chamou a "mover o centro de gravidade" ante un "centralismo" que, ao seu xuízo, supón "un problema" para os galegos porque "xera un marco que produce asimetrías e desigualdades". Por iso, apelou a camiñar cara a "un futuro galego e republicano, de igualdade, xustiza social, desarollo económico, emprego e dereitos para todos".

Deste xeito, subliñou que o Bloque continuará "cuestionado o réxime" que, di, marca unha Carta Magna que fai que a esquerda e dereita española "únanse para venerala". Neste sentido, a líder nacionalista galega cre que é necesario que se manteña aberto un debate ao redor da "sacralización" da Constitución convertida "nunha reliquia que hai que adorar" por parte de "os partidos estatais".

"Esta non é a nosa Constitución", aseverou Ana Pontón, que lembrou a oposición das forzas que integran hoxe o BNG a unha Carta Magna que supuxo "un pacto coa ditadura" durante a Transición española.

"Nós apostabamos por deixar atrás o anacronismo dunha monarquía corrupta. Non somos súbditos e tiñamos claro que democracia é recoñecer a Galicia como nación e con dereito á autodeterminación porque o Estado español é plurinacional", incidiu.

Madrid como apisonadora

Para Pontón, Madrid "é unha apisoadora" que concentra e "absorve" o investimento do Estado, "as grandes empresas" e o "talento". Unha posición centralista na forma de configurar o Estado que, ao seu xuízo, está "blindada" coa Constitución.

Así, enumerou como Madrid "é a cidade que máis recibe" nos fondos da Política Agraria Común ou o feito de que "9 de cada 10" contratos estatais sexan xestionados desde a capital e que "o 60%" das adxudicacións se realicen a empresas con sede na cidade madrileña.

"Isto non pasa nos estados realmente descentralizados como Alemaña: Berlín é a capital política, Frankfurt a económica e Munich, a xudicial", sentenciou Pontón antes de censurar que o modelo de Estado que converte a Madrid nunha "aspiradora de investimentos" prexudica a Galicia e "cronifica" problemas como a crise demográfica ou a emigración.

Ana Pontón censura unha Constitución "que se usa como arma contra a...
Comentarios