O ancián do vídeo: "Levo uns días sen durmir desde que tomei esa sustancia"

O home admitiu que se asustou porque está "transplantado do corazón"

Home ao que lle deron de esnifar unha sustancia que podería ser cocaína. YOUTUBE
Home ao que lle deron de esnifar unha sustancia que podería ser cocaína. YOUTUBE

O ancián que foi incitado a esnifar unha sustancia por un grupo de mozos a pasada fin de semana en Lugo asegura que desde que inhalou ese po branco leva "uns días sen durmir".

En declaracións a La Sexta, M.M. explicou que accedeu a tomar esa sustancia por medo. "Como eran uns cantos rapaces, asusteime non vaia a ser que me dean unha navallada".

O home admitiu que se asustou porque está "transplantado do corazón". "Tomo 20 pastillas ao día porque teño máis problemas", afirmou.

ANÁLISE DE SANGUE. Polo momento descoñécese que sustancia inhalou. O ancián foi sometido a unha analítica para determinar se hai restos de cocaína en sangue, o que determinaría se o feito pode ser delito.

A Policía, que instrúe dilixencias sobre o caso, está agora á espera deste informe mentres seguiu este xoves practicando detencións sobre estes feitos, ocorridos na Fonte dos Ranchos e que foron coñecidos ao longo da xornada do mércores tras ser difundido o vídeo polos propios mozos- polas redes sociais.

A Policía Nacional detivo catro mozos, dos que dous foron deixados en liberdade polos propios efectivos policiais xa o pasado mércores e os outros dous pasaron este xoves a disposición xudicial. Tras prestar declaración no xulgado, estes tamén quedaron en liberdade.

Os catro detidos son maiores de idade e as súas idades oscilan entre os 19 e os 26 anos. Algúns deles teñen antecedentes penais.