Tres anos de prisión para un exempregado de banca no Barco por apropiarse de 45.000 euros 

O tribunal considera probado que realizou retiradas das contas correntes dos clientes, sen o consentimento destes e chegando a simular as súas firmas

A Sección Segunda da Audiencia Provincial de Ourense condenou a tres anos de prisión a un exempregado de banca, D.N.P., por falsidade documental e apropiación indebida de 45.098 euros do Banco Caixa Geral no Barco de Valdeorras entre 2008 e 2010. 

Nun fallo con data do 30 de xaneiro, a Sala condena a este home, ademais da indemnizar á entidade financeira con eses 45.000 euros, a unha multa duns 1.500 euros, aínda que concorre a circunstancia de atenuante por dilacións indebidas. Contra esta sentenza cabe presentar recurso no Tribunal Supremo. 

A Sala considera probado que o agora condenado realizou entre maio de 2008 e febreiro de 2010 como apoderado da entidade retiradas das contas correntes dos clientes do banco, "sen o consentimento destes" e "co fin de enriquecerse", "chegando mesmo a simular a firma dos mesmos para dar aparencia de autenticidade á súa actuación". 
Tamén noutras ocasións acompañou fotocopias do DNI e realizou ordes de reembolso de participacións de fondos de investimento dos clientes sen consentimento. 

A Audiencia Provincial absolve a este exempregado de banca do delito de estafa polo que estaba imputado, así como aos dous acusados do delito de receptación


Durante o xuízo, o acusado recoñeceu retirar de forma ilegal uns 50.000 euros de fondos dun cliente, pero negou levarse os preto de 450.000 euros que lle acusaban de subtraer.  Así, a Audiencia Provincial considera que "non resulta acreditado" que D.N.P. collera máis cantidades que eses 45.000 euros —aínda que remarca que son de varios clientes—, pois non se lle pode atribuír a apropiación de cesións en efectivo por case 380.000 euros. Respecto diso, o fallo sostén que só se achegou como proba arqueos de caixa e unha auditoría realizada polos propios empregados do banco, o que considera insuficiente, polo que "era precisa a práctica de pericial contable ou outro medio probatorio obxectivo". 

Con todo, absólvese a este exempregado de banca do delito de estafa polo que estaba imputado, así como aos dous acusados do delito de receptación. En concreto, apúntase que non pode darse esta infracción "non mediando contacto persoal" nas retiradas de fondos cos clientes, pois non se viron afectados por unha "conduta enganosa", senón que o condenado beneficiouse dos fondos dos afectados mediante apropiación indebida.